Luis Carro: «Ten bastante mérito ter feito 6 de 6 sendo como foi a nosa pretempada»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

MONICA IRAGO

O técnico aurinegro dálle máis valor ao botín có brillo do coliderato

29 oct 2020 . Actualizado a las 13:24 h.

Sempre comedido nas súas manifestacións públicas, o adestrador do C.D. Ribadumia, Luis Carro, permitíuse unha licenza á hora de valorar a traxectoria do equipo aurinegro nas dúas xornadas de Liga de Terceira División disputadas ata o pasado domingo. Un inicio de competición tras máis de sete meses de parón pola pandemia do covid-19 que vén de situar o cadro da Senra como un dos dous mellores do Subgrupo B galego. Compartindo co Arenteiro, o novo millonario da categoría e candidato número 1 ao título, a condición de únicos colectivos quen de contar por vitorias as súas comparecencias oficiais. No caso do C.D. Ribadumia, engadíndolle a final polo trofeo de campión absoluto da Preferente Galicia 2019/20 disputada a comezos de mes fronte ao Viveiro, e que lle valeu para entrar este xoves no sorteo da eliminatoria previa que dará unha bola no bombo da Copa do Rei.

Luis Carro quítalle valor ao brillo do coliderato á par do Arenteiro, que cualifica de «un pouco anecdótico con só dúas xornadas disputadas». Pero si lle dá valor, e moito, ao botín acumulado: «O que non é anecdótico son os 6 puntos, que non nolos vai quitar ninguén». E iso non só por falarmos dun dos tres ou catro proxectos economicamente máis modestos do Subgrupo B da Terceira galega, que tamén. Para o técnico vilanovés «ten bastante mérito ter feito 6 de 6 sendo como foi a nosa pretempada». Co Choco de División de Honra Xuvenil coma única pedra de toque antes do partido co Viveiro.

Así as cousas, Luis Carro ten claro que «a nosa pretempada están a ser estes primeiros partidos de Liga», cun 1-2 sobre o Ourense C.F. e o 2-1 do domingo a costa do Choco. «Estamos inda en construción, e se o facemos sumando puntos, mellor», afirma.