Ribadumia bota man de tres concursos para reivindicar a festa do viño #disTinto

La Voz RIBADUMIA / LA VOZ

RIBADUMIA

cedida

A festa do viño que ten que manchar a cunca será este ano sen catas nen banquete

31 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das tradicións máis fondas e queridas en Ribadumia é a que cada ano celebra o seu irrepetible viño tinto, o célebre Barrantes. A pandemia desatada polo covid-19 fai imposible que, nesta ocasión, se desenvolvan as catas e o banquete como a ocasión o merece, pero o Concello non está disposto a que a pegada do tinto se perda este ano. Así que, baixo a etiqueta #disTinto, o equipo de David Castro propón a veciños e comerciantes tres concursos nos que poderán participar ata o venres que vén.

O primeiro deles é o primeiro concurso de escaparate centrado nos motivos do Tinto. Dirixido aos establecementos que funcionan no municipio, procura axudar a dinamizar, fomentar e impulsar a promoción do comercio local, así como a creatividade dos seus responsables. O gañador percibirá cen euros.

As outras dúas propostas, explica o Concello, están ideadas para «unir os veciños e compartir como vai celebrar cada un unha Festa do Tinto distinta». Deste xeito, por unha banda está o primeiro concurso de decoración de exteriores en vivendas.. «Trátase de promover a creatividade dos veciños e decorar os seus balcóns, fachadas ou fiestras». Quen resulte gañador terá un vale de cincuenta euros para facer efectivo no comercio local.

A terceira cita que Ribadumia propón consiste en compartir na páxina de Facebook do propio Concello as fotografías que se tomen de todo este esforzo estético e decorativo. A imaxe que concite máis gústames será a gañadora doutro vale por importe de cincuenta euros. «Esperamos vervos festexando no voso fogar o ano #disTinto2020 e animarvos a empregar este hastagh para inundar as redes da nosa Festa do Tinto do Salnés», indica o rexedor.