Festa rachada no fútbol ribadumiense

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

MONICA IRAGO

Ribadumia e Umia cantan xuntos os seus ascensos oficiais a Terceira e Preferente

28 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dez semanas van aló desde a última vez que os equipos das diferentes categorías do fútbol español disputaron o seu último partido oficial. Dez semanas ata que, na mañá de onte, o Comité de Competición da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) acordaba dar finalmente por resoltas as competicións baixo o seu paraugas, acordar o descenso tan só dos contados equipos que xa perderan matematicamente a categoría antes do parón polo covid-19, e proceder a poñerlles nomes e apelidos aos conxuntos que se gañaron o dereito a competir unha categoría por riba a vindeira tempada. E neste proceso confirmouse o agardado desde que resultou evidente que no groso do fútbol o balón non volverá rodar ata o outono, ratificándose as clasificacións en vigor no momento no que todo se paralizou. Unha decisión que materializou o feito histórico de ver campións e ascendidos os dous equipos ribadumienses, o C.D. Ribadumia, que abandona a Preferente Sur para regresar pola vía exprés á Terceira División, e un Umia C.F. que conquistou o dereito a gozar da segunda experiencia na Preferente nos seus 96 anos de historia.

O ditado dos tempos privou a xogadores, corpos técnicos, directivas e afeccións desa experiencia única de festexar a pé de campo unha conquista gañada a golpe de pico e de pa. Unha situación que nun equipo como o C.D. Ribadumia, dezasete partidos invicto ata o parón e con 7 puntos sobre o terceiro clasificado, xerou unha sensación do máis estraña e paradoxal. «Sácome un peso de enriba», dicía tras a confirmación federativa Luis Carro, o grande capitán do ascenso aurinegro. «Estou un pouco máis tranquilo. Xa temos oficialidade. Todo facía indicar que ascenderiamos, pero mentres non tes un papeliño que o diga, non queres botar as campás ao voo», comenta Toño Serantes, presidente do club nas 3 últimas tempadas, as mesmas que leva Luis Carro á fronte do vestiario da Senra.

O técnico, que fala de «moita alegría» e de «liberación» fronte a unha celebración furtada pola pandemia, salienta que o regreso exprés á Terceira «era un obxectivo especial. Cando renovei o verán pasado fíxeno con este obxectivo, o de devolverlle ao club parte da confianza que puxera en min. Renovar a un adestrador tras un descenso non é doado».

Luis Carro declárase «moi contento, sobre todo por moitos futbolistas que o verán pasado decidiron quedarse pese a ter ofertas mellores, cando o máis doado era collelas. Esa pertenza ao grupo foi», di, «a clave para conseguir o obxectivo», coa única espiña cravada de «non poder ter visto ata onde podiamos ser capaces de levar a nosa xeira».

Toño Serantes subliña que «a aposta do club esta tempada por ascender foi forte. Practicamente mantivemos o 80 % do cadro de xogadores da tempada anterior na Terceira, na que descendemos por mala sorte; non o mereceramos». Loxicamente, como a Luis Carro, «gustaríame ter celebrado o ascenso no campo», di o presidente. Pero quédase co importante: «Para o ano non poderiamos facer outra aposta así de seguir na Preferente. As empresas van baixar os seus apoios, e sen os dereitos da televisión da Terceira, teriamos que facer un equipo para andar por casa. Sería un cambio radical. Se non ascenderamos a Terceira, nun ano estariamos en Primeira Galicia».

En 1990 Manuel Abuín, Piris, vivía unha desas inusuais campañas nas que, sendo directivo, non ostentaba a presidencia do Umia C.F. Si a responsabilidade de montar o equipo que conseguía o primeiro ascenso do club á Preferente, da que só gozou na tempada 1990/91. Desta volta Piris é o almirante do barco da Bouza: «A satisfacción é grande, porque queriamos dar este salto. Era a ilusión que tiñamos cando collín de novo o club hai seis anos para sacalo do pozo».

Neste sentido, o presidente do Umia C.F. lembra que xa a tempada pasada o equipo quedara ás portas do ascenso, caendo co Gran Peña na promoción de terceiros da Primeira Galicia, e salienta o feito de que no momento da suspensión da Liga, «a nove partidos do final levabámoslles 6 puntos ao segundo e 13 ao terceiro».

Óscar Guimeráns foi o adestrador que guiou o Umia C.F. á Preferente. Fíxoo dous anos despois de percorrer o mesmo camiño á fronte do Juvenil de Ponteareas. E se ben a experiencia non ten nada que ver cun ascenso materializado no campo, «en el momento de recibir la noticia se te vienen muchos recuerdos de la temporada, y lágrimas a los ojos», declara un home de fútbol como Guimeráns.

Continuidade, renovación, parabéns e celebracións

«Estoy muy contento. Doy gracias a todos por el ascenso, al club, jugadores y sus familias, afición, socios... Es un trabajo de todos», comparte Óscar Guimeráns. Un home que asinaba o pasado verán por dúas tempadas no Umia C.F., acordo que ambas partes anunciaron onte van cumprir. No veciño C.D. Ribadumia, tanto o seu presidente, Toño Serantes, como Luis Carro manifestaron o seu desexo de continuar camiñando xuntos, se ben o técnico mantén a súa liturxia particular, e non asinará nada ata completar un período de descanso e de análise da campaña realizada. Ambos clubs recibiron onte os parabéns do Concello de Ribadumia. E ambos desexan poder facer nalgún momento do verán cadansúa celebración acorde á relevancia do conquistado.