Vilalonga e Juventud Cambados enfróntanse no Novo San Pedro

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

MARTINA MISER

Os seus veciños Céltiga e Ribadumia reciben, respectivamente, o Xuventú Sanxenxo e Valladares

01 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os duelos de rivalidade veciñal son case pan semanal na Preferente Autonómica Sur pola elevada presenza de equipos arousáns esta tempada. Vilalonga e Juventud Cambados protagonizan hoxe no Novos San Pedro (16.30 horas) o choque central, con permiso do enfrontamento entre o líder, Atios, e o quinto clasificado, Cultural Areas, no campo do primeiro.

Un partido este último ao que estarán moi atentos os homes de Ricardo Fernández, por canto é un único punto o que os separaba esta semana do máis alto da clasificación. E iso, logo de gañar tres dos seus catro últimos encontros. Unha serie que contrasta coa maior dificultade que está a atopar o Juventud Cambados de Edu Charlín para sacar algo positivo nas súas comparecencias ligueiras máis recentes, con tres empates, un triunfo e unha derrota nas cinco últimas xornadas. Oitavo na Liga, o Juventud chega ao derbi con 21 puntos, oito menos co seu anfitrión.

Céltiga e Ribadumia, na casa

Como o Vilalonga, Céltiga e Ribadumia xogan esta tarde nos seus respectivos feudos. O cadro illense, medíndose desde as 16.15 o Xuventú Sanxenxo. Dous equipos separados por 4 puntos na clasificación, co local ocupando a sexta praza provisional, e o visitante a novena.

Pola súa banda, o C.D. Ribadumia ten sobre o papel o compromiso máis asequible entre os seus veciños. Desde as cinco da tarde buscará sobre o céspede do Campo da Senra os 3 puntos en xogo diante dun Valladares que abre a zona de descenso directo, decimoitavo con 9 puntos.