Barrantes mellora a seguridade viaria

La Voz

RIBADUMIA

CEDIDA

A estrada estrea pasos elevados, novos estacionamentos e espazos para os peóns

13 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Acceder ao núcleo de Barrantes (Ribadumia) desde a Vía do Salnés (rotonda dos Castaños) a través da EP 9305 é agora moito máis seguro grazas ás obras realizadas pola Deputación de Pontevedra. Para ver o resultado, onte trasladouse ao punto a presidenta da institución, Carmela Silva, quen subliñou a aposta do seu goberno pola «accesibilidade, mobilidade e recuperación de espazos para os peóns».

As obras afectaron a un tramo duns 400 metros e supuxeron un investimento de 189.113 euros; consistiron na creación dunha área reservada para peóns na marxe esquerda da estrada, un área para estacionamento de vehículos, habilitáronse catro pasos de peóns sobreelevados, renováronse as instalacións de saneamento e alumeado e instalouse unha nova para a recollida de augas pluviais.

Desa obra aprobouse un proxecto modificado, despois de que o Concello de Ribadumia conseguira a cesión duns terreos por parte de particulares. Neste contexto, Silva resaltou a importancia de «escoitar e de chegar a acordos cos concellos, temos que buscar colaboración e non confrontación», dixo.

A presidenta aproveitou a visita ao municipio para supervisar outras obras que están en marcha na contorna da pousada de Ribadumia, na que a Deputación inviste 211.161 euros para a mellora e acondicionamento de rúas. Os traballos consisten na pavimentación e dotación de servizos das rúas 1 e 4 na urbanización Santa Eulalia, nas que se habilitarán áreas rodadas e peonís e executaranse os correspondentes servizos urbanísticos ata o seu enlace cos existentes. En concreto, na rúa 1 vanse completar as redes de abastecemento, saneamento, electricidade, alumeado público e telefonía. Tamén se executarán beirarrúas e levarase a cabo a reposición de firmes. E na rúa 4 proxéctase a urbanización dunha vía de nova apertura.

Carmela Silva amosou a súa satisfacción porque «finalmente puidemos solucionar unha herdanza terrible e tremenda que nos deixou o goberno de Louzán». «Foi un proxecto que se fixo mal, sen cumprir o procedemento e con moitísimas irregularidades, e tras traballar arreo durante anos para poder cumprir coa lei, nun breve prazo estará operativa esta pousada», indicou.

Non é a única actuación da Deputación en Ribadumia. Nestes intres estase a executar outra obra de urbanización e seguridade viaria no entorno do colexio.

A Deputación tamén executa obras no entorno da pousada e do colexio