Unha festa que sabe a pan e que se vai de muiñada

RIBADUMIA

MARTINA MISER

Ribadumia celebra o 10 de agosto unha sabrosa festa na que a gastronomía se mestura coa mellor tradición

03 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

É un produto tan cotiá que pode pasar desapercibido. Pero a quen lle gusta o bo comer, sabe que un bo pan é un manxar do que gozar. Así que non é tan raro que en Ribadumia decidiran, hai xa 18 anos, adicarlle unha festa a este produto. E menos raro resulta, aínda, se temos en conta que a celebración naceu para axudar a promocionar aos, daquela, recén reconstruidos muiños de Ribadumia. Así que o vindeiro sábado, día 10, celebrarase esta peculiar celebración, que pretende ser tamén un punto de encontro para os veciños da localidade, unha escusa para se ver, para compartir conversa. E tamén, para que os máis novos coñezan algunhas das tradicións dos seus antergos. Ademais dos veciños, a festa ábrese tamén aos visitantes, especialmente a aqueles que se senten a gusto mergullándose na cultura dos lugares que visitan. Así o explicaba onte o alcalde de Ribadumia, David Castro, durante a presentación dunha festa que fará arrecender a carballeira.

O programa comezará a debullarse ás cinco da tarde, cando se realizará a recollida das sobremesas feitas con pan, e das empanadas de millo, que participarán no concurso que cada ano se celebra: todos estes productos serán catados ás oito e media da tarde. Ás sete chegará a hora da animación e dun obradoiro infantil para coñecer o proceso tradicional de elaboración do pan.

O seguinte paso darano os participantes na festa ás nove da noite, cando se realizará a saída cara os muíños do Batán, onde se fará unha recreación dunha moenda do millo do país, o amasado, e o proceso de elaboración do pan de millo. O grupo Xironsa amenizará as esperas, e haberá tamén animación infantil.

Ás dez, de volta na carballeira, haberá entrega de premios, degustacións e cea de confraternidade. Ás once da noite, o Dúo Marema animará a verbena final.