A Baixada do Umia celebra as vodas de prata con traxe retro

Cambia o percorrido nunha 25.ª edición con marca de participación


vilagarcía / la voz

Ribadumia estará o domingo de celebración. Poucas son as localidades galegas que poden presumir dunha proba piragüista con cando menos un cuarto de século de historia. O tempo que cumprirá a Baixada do Umia, punto de partida 25 anos atrás da recuperación do legado do Club O Muíño, desaparecido a finais dos anos 70 tras unha escasa década de vida, cunha entidade que incorporaba a palabra Náutico como marca dunha nova e ilusionante etapa para o deporte da pa. Onte, no consistorio de Ribadumia, presentábase unha edición única da Baixada; pola súa simboloxía, pero tamén polas novidades incorporadas polo club organizador.

José Manuel Vázquez, director deportivo do Náutico O Muíño, desvelou o cambio radical do trazado, para volver ás orixes nunha sorte de homenaxe a aquelas tres primeiras edicións da Baixada do Umia que tiñan na ponte de Cabanelas, fronte á sede do club, a súa saída e chegada. Este ano prescindirase da praia de Portas, punto de inicio da regata durante a última década, recortando de 14 a 10 os quilómetros do trazado. A saída, ás catro da tarde do domingo, sitúase desta volta na ponte de Barrantes en dirección á desembocadura do Umia, cunha ceavoga a un quilómetro da ponte de Castrelo para remontar o río cara a meta en Cabanelas. Iso si, coa lámina de auga coma un prato coa marea subindo, adiantaba onte Vázquez.

Campionato Galego

A Baixada do Umia perde así a espectacularidade das imaxes dos padexeiros tendo que poñer pé en terra nos saltos máis arriba do río, agora suprimidos. Unha perda que ten os seus contras, e os seus pros, sinalan desde a organización. Así, o director deportivo do Náutico O Muíño comentaba onte que «cada vez menos clubs teñen piraguas de río». A transformación da Baixada nunha travesía pura, unida este ano á condición de Campionato Galego de Ríos e de Travesías -tamén Gran Premio Celtamotor- supuxo elevar con moito a media de participación, que pasou dos 250-300 padexeiros dos últimas edicións aos 450 inscritos nesta ocasión, de 35 clubs.

Un ano máis, haberá premio para a primeira K1 cadete e para o primeiro C1 xuvenil nas correspondentes metas volantes fixadas pola organización ao longo da Baixada do Umia. Unha regata que contou na súa presentación coa presenza do alcalde de Ribadumia, David Castro, do presidente da Federación Galega de Piragüismo, Fredi Bea, da deputada provincial de Deportes, Chelo Besada, ademais de José Manuel Vázquez, pai do director deportivo da entidade, presidente do Náutico O Muíño, e cofundador do club como antes o fora do seu antecesor dos 70.

Reivindicación medioambiental

Desde o Náutico O Muíño queren aproveitar o novo curso da Baixada do Umia para facerse eco, entre os participantes e os afeccionados que acudan a gozar da proba deportiva, das súas recorrentes denuncias pola deficiente limpeza e o mal estado de conservación do río.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A Baixada do Umia celebra as vodas de prata con traxe retro