Ribadumia e Sanxenxo manexan os seus tempos para optar ao Arousa Fútbol 7 2020

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

MARTINA MISER

David Castro falará coa organización a finais de mes

05 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Agás sorpresa maiúscula, o futuro do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 2020 semella entre dúas ubicacións. Os campos municipais da Senra, en Ribadumia, onde vén de celebrarse a súa vixésimo cuarta edición, primeira desde a saída traumática do campionato de Vilagarcía. Ou o complexo de Baltar, en Sanxenxo. Un dilema que, polo oído dun e doutro lado, semella comezará a despexarse a finais do presente mes, se ben a decisión final rematará adiándose, posiblemente mesmo ata finais do verán.

David Castro é o alcalde de Ribadumia. Logo de conseguir atraer o AF7 este ano, o seu balance da experiencia non pode ser mellor: «Foi unha experiencia moi bonita. Estamos moi contentos e satisfeitos tanto pola organización, como polo propio evento; e pola xente de fóra de Ribadumia que pasou por aquí. Todo foron parabéns dos visitantes. E iso para o Concello é algo importante».

O rexedor salientou a dobre vertente promocional que supón dispoñer do AF7. A nivel de fútbol base, entre os seus veciños máis novos. E da imaxe de Ribadumia cara ao exterior, en materia turística.

Chegados a este punto, ¿que pretende o Concello de Ribadumia? Pois pese ás grandes palabras, David Castro opta pola precaución. Así, empraza a unha xuntanza tras o 23 de xuño cos responsables do AF7, pero tamén das Copas Clae Viajes infantil e benxamín que se disputarán na Senra as vindeiras dúas fins de semana, «para tirar conclusións», di. No tocante ao torneo alevín, o rexedor pídelle á súa organización unha mostra de interese recíproca: «Primeiro ten que haber predisposición por parte da organización a continuar en Ribadumia. E se todos estamos de acordo», e nese todos inclúe a hostalaría local e mais o C.D. Ribadumia, «o Concello fará un esforzo para que sexa así». Palabras que Castro acompañou coa súa enésima mostra de agradecemento ao AF7 por apostar o pasado inverno por Ribadumia.

La Voz tentou falar onte co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, logo da súa participación na entrega de trofeos do Arousa Fútbol 7 o pasado domingo. O departamento de prensa do Concello comentou ao respecto do posible interese polo campionato que «no es algo que se esté valorando ahora mismo, ni que se descarte traerlo», remitíndose á inminente constitución da nova corporación local, na que Martín nomeará un concelleiro de Deportes do PP, logo de traballar no anterior mandato cun doutra formación, SAL.