Sanxenxo volve aparecer no horizonte do Arousa Fútbol 7

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

MARTINA MISER

A organización amósase encantada coa experiencia de Ribadumia, pero ante a presenza de Telmo Martín na entrega de trofeos di que a sede do 2020 non está pechada

05 oct 2019 . Actualizado a las 23:45 h.

Falamos con Alberto Diz, voceiro do Torneo Internacional Arousa Fútbol 7, durante a mañá de onte, na primeira das dúas xornadas máis duras do campionato para as catro decenas de persoas que participan cada ano na súa loxística. Esgotada a adrenalina dos preparativos, e dos tres días co balón en xogo, onte e hoxe toca desmontar todo, e deixar os campos da Senra como estaban antes do campionato. Un labor que acometen coa satisfacción de sentir ter acertado na traumática decisión de rachar relacións co goberno local de Vilagarcía, e trasladar, a lo menos este ano, o AF7 a Ribadumia. E dicimos a lo menos, porque os responsables do produto recordaban onte que a relación pechada co Concello titular da Senra non vai máis aló deste ano.

A cuestión resulta capital. E mais, despois de ver na cerimonia de entrega de trofeos do domingo o alcalde de Sanxenxo. O mesmo Telmo Martín que en outono, meses antes de que o AF7 rematase decantándose por Ribadumia, mantivera contactos co torneo amosando o seu interese por levalo para Sanxenxo.

Abaixo a teoría da conspiración

«A realidade é que con Sanxenxo falaramos, e Ribadumia gañou a carreira» entón, comenta Alberto Diz. O voceiro do Arousa Fútbol 7 tira da imaxe no palco dos alcaldes de ambos os dous concellos, Telmo Martín o da ría de Pontevedra, e David Castro no papel de anfitrión, para soster que «queda desbaratada calquera teoría da conspiración, de que o PP roubou o AF7 de Vilagarcía, que era unha manobra política». Ao que engade un segundo apuntamento: «Se nós co Concello de Ribadumia non fosemos cristalinos, o alcalde penso que non estaría contento con que o alcalde de Sanxenxo estivera no torneo» ocupando un posto no palco, e cun papel activo na súa cerimonia de clausura.

Sobre a presenza de Martín, Diz encádraa, explica, na resposta a «unha persoa que amosara interese polo torneo, e que se convidara a vir, mesmo antes de pechar a opción de Ribadumia. Paréceme ata san que poidan sentarse os dous alcaldes no mesmo palco».

Alberto Diz integrou estas reflexións dentro da valoración francamente positiva que fai da recente edición, pese á cal, advirte, non hai nada decidido sobre a sede do 2020: «A experiencia de Ribadumia é difícil de mellorar. O pack instalacións, comunicación co Concello, esforzo e ilusión compartidas [...] Foi unha mellora brutal» con respecto ao pasado na capital arousá.

Zascas ao Concello de Vilagarcía

Unha lectura que estende a todos aqueles corpos técnicos dos equipos participantes que xa pasaran polas instalacións de Vilagarcía: «Un dos principais retornos que nos chegaron dos equipos é un ‘¡Caray! Esto es mucho mejor que lo otro», salienta.

Diz aproveitou para mandarlle outros zascas ao goberno local de Vilagarcía. Como un «‘El campo se escaralla’», referido á acusación de Ravella de que o AF7 esnaquizaba o céspede da Lomba, á que o torneo respostaba con sorna na noite do domingo cun tuit que ilustraba cunha imaxe do terreno de xogo da Senra, impecable, tras a final. A disposición do goberno de Ribadumia a cortar calquera rúa por cuestións de seguridade foi outra pulla a Ravella.

Grande ambiente, bo nivel, a pifia do dobre MVP, e ideas para as vodas de prata

O grande ambiente vivido nas gradas da Senra, coa sensación da organización da existencia dun notable número de afeccionados locais, fronte ao maior desinterese do público vilagarcián nos últimos anos, tamén contribúe á idea no AF7 de acerto na escolla de Ribadumia.

A nivel deportivo, Alberto Diz salientou onte a igualdade xeralizada. «Agás os partidos do Cambados, a maioría dos demais foron complicadísimos». Poñéndolles unha gran nota oas cuartofinalistas mais ao Barça. Aprobando amplamente o rendemento dos dous equipos asiáticos e mais do Frankfurt. E situando no capítulo de decepcións o Olympique e, sen citalo, ao defensor do título, un Villarreal que rematou decimocuarto; ambos, escoitando o voceiro do AF7, semellan descartados para unha edición do 2020 no que a organización prevé algún golpe de efecto que non ten nin moito menos concretado.

No debe, Diz non tivo reparos en confesar que a concesión do MVP a dous xogadores, e non a un coma sempre, «foi un erro na actualización do guion da cerimonia de premios, que recolleu os dous futbolistas entre os que dubidaba o xurado antes da final».