O Céltiga, obrigado a gañar para aferrarse a un case imposible

RIBADUMIA

MARTINA MISER

Debe vencer o Silva, e que o Porriño derrote o Laracha para agardar a salvación dos equipos que promocionan a Segunda B

19 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Liga 2018/19 da Terceira División baixa esta tarde o telón, cos seus dez partidos arrincando en sincronía ás seis da tarde. No caso do Céltiga, coa ameaza de poñer punto final a un auténtico drama. O de ver o equipo máis e mellor reforzado do grupo galego da categoría no pasado mercado de inverno camiño da Preferente. Un desenlace altamente probable ata no mellor dos escenarios que poida abrirse á conclusión da trixésimo oitava xornada do campionato: Que os homes de Javi Rey gañen hoxe o seu partido fronte ao Silva no Salvador Otero, e que o pechacancelas, o Porriño Industrial, faga o propio en paralelo na súa visita ao campo do Laracha.

Cuarto pola cola da clasificación con 38 puntos, o Céltiga chega ao partido final abrindo a zona de decenso directo. A súa única posibilidade de salvación pasa por superar o Laracha, xusto un posto por enriba con 40 puntos e o goal avarage particular ao seu favor polo seu triunfo 0-2 no Salvador Otero na primeira volta, e tras o empate sen goles na segunda en terreo coruñés.

De producirse un final feliz, que obriga á vitoria illense e ao éxito dun descendido Porriño Industrial que chega á derradeira xornada con tan só un triunfo a domicilio na tempada, o Céltiga gañaríase o dereito a soñar con que dous dos catro equipos galegos na inminente fase de ascenso á Segunda División B consigan o salto de categoría. Un futurible poucas veces visto no balompé galaico. Non digamos se teñen que ser finalmente tres os ascensos, escenario que se abriría de acabar caendo o Celta B ao posto de promoción de permanencia do Grupo 1 da Segunda B, coa Liga deste último concluíndo tamén hoxe. O técnico local, Javi Rey, xoga tan trascendental encontro sen Jacobo, baixa por acumulación de amonestacións.

Os outros dous equipos do Salnés na Terceira, Arousa e Ribadumia, afrontan pola contra e moi ao seu pesar cadanseu intrascendente final para os seus intereses. O Arousa desprázase ao campo dun Somozas que ocupa o decimoquinto posto na clasificación, a piques de consumar a debacle que para un dos maiores orzamentos da categoría suporía o seu descenso á Preferente. Pacheco, por sanción, é a única baixa no cadro arlequinado. Pola súa banda, o Ribadumia pecha hoxe cinco campañas na Terceira División camiño da Preferente co campión da Liga, o Racing de Ferrol, visitando A Senra. O desexo dos de Luis Carro, ofrecerlle unha boa imaxe de despedida á súa entregada afección.