Pendentes das letras... e do ceo

Empezará a xornada con bicicletas en Ribadumia e rematará coa música nas rúas de Vilagarcía e no Terrón


Chegou o día grande. Hoxe hai festa porque non é laborable e porque as rúas encheranse de música, baile, deporte e gastronomía, sempre que o tempo -que ameaza choiva- o permita.

Vilagarcía

O prato forte está en Carril. Logo das alboradas e actuación de baile e pandeiretas na Praza da Liberdade, ás 12.30 horas terá lugar a ofrenda floral, e media hora despois dará comezo o concerto «Galicia Fermosa», que recupera a música de Juan Vidal Lemiña grazas á iniciativa do seu fillo e un grupo de músicos que quixeron colaborar nesta homenaxe póstuma. Pola noite, a festa trasladarase ás rúas A Baldosa e Valentín Viqueira cunha escola de música galega a cargo da Duendeneta.

Cambados

Na vila do albariño empezan a xornada con cabalos, a conta dunha ruta polo Salnés camiño a Terra de Montes cun cento de monturas, con saída do Pombal ás 10 horas. Festa e solidariedade van da man no festival Escoitame, que se celebrará na praza de Fefiñáns durante todo o día a prol da asociación de loita contra a atrofia muscular espinal (AME). Rosa Cedrón, Dani Barreiro, Pauliña e Vizcaíno son algúns dos artistas invitados e Yayo Daporta cociñará unha paella. Á unha da tarde a cita está no auditorio coa Banda de Castrelo e ás oito no mesmo escenario, con Noelia de los Ángeles Rubio e Silvia Otegui e unha versión de Pepa Loba. Entrada, 5 euros. Pola mañá, na Calzada, BNG e Somos realizarán cadanseu acto de honra ás letras, con ofrenda floral incluída.

Vilanova

Teatro inspirado e Pepa a Loba haberá tamén en Vilanova, ás oito na igrexa da Pastoriza, e logo será a quenda da «jam session» no Terrón.

A Illa

Na Arousa é un día importante para as letras e para a navegación tradicional. As velas izaranse no peirao do Xufre a iso do mediodía ao son das gaitas da asociación cultural Dorna.

O Grove

A Festa das Letras do municipio meco comezará ás 11 horas coa apertura de postos dos libreiros na rúa Castelao. Actuarán o grupo tradicional Paradanda e o grupo de animación Barabunda e ás cinco da tarde será a quenda de Cantodorxo, na praza do Corgo.

Ribadumia

Pola mañá celebrarase a Festa da Bicicleta e, pola tarde, no auditorio municipal será a gala Ribadumienses a prol do galego, que conta coa actuación de Luar na Lubre. Entrada de balde, con invitación.

Catoira

A banda de música ofrecerá esta tarde (19 horas) o concerto das Letras Galegas e o domingo (20 horas) actuará a soprano Loli Crespo que estará acompañada ao piano da profesora Rasa Jakutyte-Biveiniene, e Fernando Raña, na frauta. O prezo da entrada é de 5 euros.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Pendentes das letras... e do ceo