O concello da revolución electoral

Catro anos despois de que o PP perdese unha alcaldía fetiche, cinco candidaturas mídense polo goberno municipal


ribadumia / la voz

Nunca antes unha candidatura distinta á das siglas populares gobernara o Concello de Ribadumia, o berce do, no seu tempo, todo poderoso Rafael Louzán. A alianza de tres forzas conseguiuno hai catro anos. Agora, ábrese unha nova incógnita.

-Que proxecto defende para a reforma do entorno escolar?

-David Castro (Independentes por Ribadumia). O que temos enriba da mesa e presentamos aos veciños nos medios e nas redes sociais, e foi aprobado por unanimidade na xunta de goberno no 2017. Son catro anos de traballo e nel recollemos todas as sensibilidades sobre a humanización e a seguridade viaria no entorno do colexio, conxugando as suxestións dos pais e as nais, da dirección, de Educación e do Umia. De toda familia que xira en torno a este espazo.

-Martín Vázquez (PP). O colexio precisa unha renovación integral dos servizos, que ten que asumir a consellería. Ten que reordenar todo o entorno, adecuándoo ás actividades que se desenvolven nel. Por iso é importante a participación de todos os colectivos. Que naza do consenso, non do capricho dun grupo que di falar en nome de todos e non ten o apoio nin dos seus socios.

-Enrique Oubiña (Somos Ribadumia). Defendemos un proxecto global para todo o núcleo de Barrantes, non só para a contorna do colexio. A idea é humanizar e reordenar, mellorando a circulación e creando espazos para as persoas. En canto ao colexio, hai que ser ambiciosos e poñer enriba da mesa unha solución definitiva, que para nós pasa por trasladar o campo de fútbol, gañando ese espazo para dotacións públicas: patio cuberto e espazo de lecer pechado e seguro para o colexio; unha dársena de buses, unha nova escola de música, local social, local de ensaio, locais para varias entidades e a ANPA, centro xuvenil... E quedará sitio para aparcadoiros e zonas verdes.

-Pepe Lede (PSOE). Defendo o proxecto que o Concello xa consensuou con todas as partes afectadas. É un proxecto integral, que soluciona os problemas existentes, e do que xa temos máis de 180.000 euros do goberno socialista da Deputación para acometer en breve a primeira fase. Todo o demais son experimentos e enganos á veciñanza. Por certo, a Xunta, que ostenta as competencias en Educación, ata o de agora, cero euros.

-David Pereira (BNG). Un proxecto que mellore a seguridade viaria. É unha proposta que levamos defendendo hai tempo. Un proxecto no que teñen que intervir as entidades afectadas máis próximas, como o colexio e os clubs deportivos.

-De poder dar marcha atrás, farían vostedes a Pousada?

-D. C. Non estamos en contra da Pousada, pero si da forma en que se xestionou. Todas as irregularidades cometidas polo PP e a ausencia de documentación levaron a realizar unha serie de trámites que implicaron un retraso na concesión da licenza. Ribadumia precisa explotar o seu potencial turístico. Os veciños teñen que saber que a súa titularidade é da Deputación, e que a súa xestión foi concedida a unha empresa privada, Hotusa. Pero non admitimos as críticas de que se atrasou de forma voluntaria para afear a xestión do PP. Se fose tan fácil, por que ninguén presentou e autorizou as licencias necesarias, se as obras están certificadas dende o 2013?

-M. V. Sen dúbida. Está chamada a ser xeradora de emprego e un activo turístico. Ademais, conta con outros servizos dos que gozarán os veciños, xa que xestionaremos un convenio coa empresa concesionaria.

-E. O. Tendo aquela liña de financiamento europeo, eu optaría por outras opcións, centradas no noso patrimonio histórico e natural. A recuperación do Pazo do Monte, por exemplo. Foi unha oportunidade perdida polo afán megalómano de Louzán.

-P. L. O tempo dirá se é un negocio rendible e que xere riqueza. Naquel momento había centos doutras iniciativas públicas onde investir os fondos da UE. Pero o goberno provincial de Louzán escolleu aquel proxecto. O resultado foi unha obra ilegal que custou catro veces máis do orzamentado, e que custou catro anos poder legalizar. Pero este goberno, xunto coa Deputación de Carmela Silva, deu os pasos necesarios para que pronto estea aberta.

-D. P. Se daquela existise un goberno do BNG, habería unha alternativa mellor para o uso deses terreos, sen estragar millóns de euros en obras faraónicas.

-Con quen pactarán de non darse maiorías claras?

-D. C. Os concelleiros de IR non estamos en política para vivir dela, senón para desenvolver un proxecto. Se as demais forzas así o entenden, perfecto.

-M. V. Non teño confianza en ningún dos outros candidatos. O PP ten que ter maioría absoluta.

-E. O. Levamos catro anos formando parte do goberno con honestidade. A nosa man notouse, e moito. O noso obxectivo é obter unha maioría suficiente. Se non é así, SR decidirá en asemblea.

-P. L. Para min a única liña vermella é votar un goberno do PP. Somos os únicos que o garantimos. Faremos acordos de ideas e programas, nunca por cuestións persoais.

-D. P. O BNG é a única alternativa real de esquerdas. Claro está que nunca imos apoiar un goberno do PP. É preciso garantir un goberno estable e un alcalde con dedicación exclusiva, sen tutelas de ninguén.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O concello da revolución electoral