A comarca goza da súa primeira escola de BTT cun campión en camiño

RIBADUMIA

MARTINA MISER

Nado como un proxecto formativo, o CC Ribadumia está a servir no seu ano 1 de soporte ao debutante Ismael Rodríguez cara ao título da Transgalaica

11 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá, ás seis da tarde na carballeira de Barrantes, o Club Ciclista Ribadumia presentaráse en sociedade co vilagarcián Gustavo César Veloso como padriño. Un acto destinado a visualizar un proxecto que crava as súas raíces no verán do 2017, coa semente da que hoxe é a primeira escola de ciclismo de Arousa desde a chorada desaparición daquela do C.C. Cambados que tanto fixera polo deporte das dúas rodas na comarca. Só que se a da vila do albariño se centraba no ciclismo en estrada, a que preside Javier Pombo Vidal dedícase a promover a práctica do BTT, a modalidade de montaña. Un proxecto con arredor de medio cento de nenos e de rapaces de entre os 3 e os 16 anos, dotado desde finais do ano pasado da estrutura de club que lle esixía a Federación Galega do ramo.

«Non había unha escola de ciclismo en toda a comarca, e pensamos, ¿por que non montamos unha escola nós?». Adestrador de equipos de fútbol de medio Salnés durante anos, hai unha década unha lesión de xeonllo acercou a Javier Pombo á práctica do ciclismo por recomendación médica. Co tempo, na súa cabeza foi medrando a idea da escola, e «propúxenllo ao Concello» do que é veciño. De saída «acordamos facer un campus de verán para probar, e ver se a cousa podía seguir». E a cuestión é que «nun par de semanas vimos que aquilo non había quen o parase. Cincuenta rapaces cunha ilusión que nin Dios», di; a metade deles de Ribadumia, o resto de toda a zona, desde Caldas e Vilagarcía ata Cambados e Meis, reunidos os sábados no campo de fútbol de Leiro. Unha instalación esta que Pombo tiña localizada de antemán, sabedor de que había tempo que ninguén a usaba a pesar de contar tanto con alumeado como con vestiarios, o que dota a escola de BTT duns medios envexables para o seu funcionamento os 365 días do ano.

O caso é que unha vez rematados os dous meses do campus de proba «non puidemos parar», recorda o presidente do C.C. Ribadumia, monitor de ciclismo titulado. «Continuamos ata outubro, paramos un mes, e volvemos traballar». Ata hoxe. Chegando á conclusión de que para poder seguir evolucionando e dando saída á ilusión dese medio cento de rapaces debían constituír un club que lles dese a oportunidade de competir a aqueles que o desexaran. E así, no 2019, dúas decenas de ciclistas en formación, e outros tres séniores -o club conta con oito- comezaron a participar en carreiras co xersei do C.C. Ribadumia mentres aprenden, os mércores e sábados de 17 a 18.30 horas, non só técnica ciclista; tamén coñecementos sobre mecánica, seguridade vial, e mesmo alimentación sana.

O primeiro da promoción

Neste camiño Javier Pombo fixouse nun deses rapaces que periodicamente van rexuvenecendo as grupetas de cicloturistas que cada domingo e festivo enchen as beiras das estradas e os camiños dos montes do Salnés. O vilanovés Ismael Rodríguez Pérez (10/IX/2002). Un rapaz que con 14 anos se sumou a unha desas grupetas aceptando a invitación dos seus integrantes cando se cruzaron un domingo polo monte, e que case desde o primeiro día sentíu a necesidade de pasar cada vez máis e máis horas sobre o sillín da súa bicicleta de montaña. Hoxe, na súa primeira tempada federado, coa axuda do preparador físico vilagarcián José Manuel Abalo, colaborador do C.C. Ribadumia, e co soporte loxístico do club, da marca Scott e da tenda cambadesa Salnés Bici, ante a que se desfai en agradecementos, Ismael apréstase a coroarse campión xuvenil da Transgalaica. O circuito galego do BTT maratón (XCM), no que debutou cun terceiro posto en Cotobade, rematando segundo en Ames, e gañando as dúas probas seguintes, na Estrada e, o pasado domingo en Silleda. O día 28 en Vigo Ismael defenderá o liderado na derradeira carrreira para coroarse campión, antes de facer a súa primeira incursión no ciclismo en estrada.