Ribadumia, en Laracha, e Céltiga, no Barco, a Liga arrinca en sábado

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

MARTINA MISER

Os dous equipos arousáns pretenden facer boas as súas dinámicas fronte a rivais en caída libre, con Javi Rey medíndose ao seu ex

01 mar 2019 . Actualizado a las 23:52 h.

A celebración do entroido deu pé ao adianto do groso da xornada 26ª. da Terceira División -a Liga de Preferente, de feito, para esta semana-. Entre os partidos trasladados do domingo ao sábado, o que leva o C.D. Ribadumia ao Campo Municipal da Laracha, e o que sitúa o Céltiga no de Calabagueiros, feudo do C.D. Barco. Ambos os dous encontros, con inicio ás cinco da tarde.

Sobre o papel, quen máis difícil o debera ter é o Céltiga. Diante, un C.D. Barco quinto na clasificación con 42 puntos, a tiro de 5 dunha S.D. Compostela que visitará mañá o estadio da Lomba na cuarta praza da táboa. Un partido especial para o técnico do conxunto illense, Javi Rey, que o pasado verán pechaba cinco anos do seu segundo ciclo á fronte do cadro ourensán, que ascendera a Terceira División, cun sexto e cun sétimo postos como balances máis positivos nas súas tres campañas na categoría. Con anterioridade, un primeiro ciclo cortado polos compromisos laborais do técnico tras levar o C.D. Barco da Primeira Autonómica á Preferente.

«La verdad es que allí tengo muchos amigos. Viví mis mejores años como preparador en O Barco», comentaba onte Javi Rey. Con todo, o certo é que o equipo cambiou moito respecto ao que dirixira a campaña anterior. E na súa opinión, «tienen un auténtico equipazo» pese á súa traxectoria recente. E é que o conxunto ourensán pasou de ser un firme candidato á promoción de ascenso a encamiñarse na mesma dirección do curso anterior, entrando en caída libre cun balance de dúas derrotas e media ducia de empates nas súas últimas oito comparecencias ligueiras. Javi Rey, que segue con Capi e con Lucas Carminatti lesionados, e ten a Diego Lamas sancionado por acumulación de tarxetas, trasladoulles aos seus homes que «todo lo que sea sumar en Calabagueiros será bueno». O Céltiga gañou a metade dos seus últimos seis partidos, nos que tamén conseguíu un empate.

O C.D. Ribadumia ten, pola súa banda, unha grande oportunidade de seguir avanzando na súa escalada na clasificación. Con dous triunfos e con tres empates nas cinco últimas xornadas, os de Luis Carro visitan a un Laracha tres postos e 4 puntos por enriba na zona quente da táboa. Sen Teti, sen Óscar, sen Aarón e sen Fran Fandiño, o técnico do Ribadumia recupera a Gabi tras uns tres meses de baixa por unha lesión nun xeonllo, dispoñible para uns 10-15 minutos nunha lista cos 16 futbolistas xustos do primeiro equipo, incluído un Cerqueiras para uns 25 minutos, e Roberto Pazos, Santi e Hugo Soto tocados.