A novel que sacou o carné de campioa galega de automobilismo

Bárbara Gómez, copiloto de Tinín Iglesias no equipo Desguaces Tino Racing, recolleu o trofeo que coroa a súa primeira tempada completa no mundo da competición de motor


vilagarcía / la voz

A Federación Galega de Automobilismo celebrou o pasado sábado en Cuntis a súa Gala Anual. Unha cita que, como cada ano, servíu de marco para a entrega dos premios aos mellores pilotos, copilotos e escuderías nas diferentes modalidades e competicións autonómicas da última tempada disputada. E un ano máis, o nome da escudería ribadumiense Desguaces Tino Racing foi repetido, desta volta ata en nove ocasións, ao longo da velada, seis delas acompañado da referencia a cadanseu título autonómico. E sobresaíndo entre esa media ducia de conquistas, o Campionato de Galicia de Donas. Unha categoría que recoñece a piloto ou copiloto muller que máis puntos acumule na suma das 22 probas repartidas entre os calendarios dos Campionatos Galegos de Rali, de Ralimix e mais de Montaña, que na súa terceira edición, con preto dun cento de deportistas participando a lo menos nunha das proba puntuables, leva grabado o nome da novel Bárbara Gómez Oubel (Rianxo, 1/IX/1994).

Copiloto do seu tamén compañeiro sentimental Celestino Iglesias Duarte, Tinín, en rali (Ford Fiesta R2) e ralimix (Ford Fiesta R2 de terra), Bárbara, que competíu no 2018 por primeira vez de cheo no mundo do motor, subíu ademais ao estrado da Gala Anual da F.G.A. a recoller xunto a Tinín o trofeo á segunda mellor parella na Copa Pirelli K-6, que gañaron o pai e o tío del, Celestino e mais Jorge Iglesias Cores. 

A integrante do Desguaces Tino Racing amosaba onte a súa satisfacción pola tempada asinada nas modalidades de rali e de ralimix. Sobre todo unha vez que, salienta, Tinín e mais ela deixaron atrás unha primeira fase do curso na que lles tocou vivir unha sucesión de problemas mecánicos e de pinchazos que lastraron os seus resultados. Cun único golpe en todo o calendario, o sufrido no Rali Botafumeiro, a finais de agosto en Santiago, que os obrigou a súa segunda e última retirada do ano, tras a do Rali de Narón en xuño.

Voando soa por primeira vez

Pero do que máis orgullosa se sinte a rianxeira, única muller en competición da escudería ribadumiense, é da súa estrea como piloto, participando nas catro probas do Campionato Galego de Autocrós.

Dous ralis e un ralimix como copiloto, a tempada pasada, eran ata comezos do 2018 toda a experiencia de Bárbara Gómez no automobilismo. Suficiente para confirmar a súa paixón en primeira persoa polo deporte do motor, a ambos lados da parte dianteira do coche. A barbanzá, afincada en Boiro, atreveuse tamén a tempada pasada a probar as súas dotes para a conducción. Aos mandos dun Peugeot 106 na categoría de menos de 1.600 c.c. do Campionato Galego de Autocrós. Na primeira e na terceira das catro probas do calendario rompeulle o coche, e na cuarta un golpe a obrigou a abandonar. Pero na segunda rematou cuarta, gañándose o dereito a subir ao podio. E para ela foi a gloria.

Colaboradora desde os 16 anos da organización do Autocrós do Castro de Taragoña, lugar dos seus avós, a proba na que coñeceu no 2014 a Tinín Iglesias, a Bárbara «fíxome máis ilusión ese cuarto posto no Castro que acabar todas as demais probas», declaraba onte.

«Tiña moitas ganas de probar a pilotar», di Gómez Oubel, e tras a experiencia está a traballar arreo na procura de apoios que lle permitan seguir alternando o autocrós co seu labor de copiloto de Tinín Iglesias nunha tempada 2019 xa á volta da esquina, a primeira fin de semana de marzo.

Visto o visto, e escoitando a Tino Iglesias Duarte, presidente e referente deportivo da escudería ribadumiense, Bárbara Gómez ten un prometedor futuro por diante: «Sorprendeume. Polos seus tempos no autocrós, nos que tivo mala sorte. E como copiloto, moito. Sen facer ningún curso, vai moi, moi ben». Tino Iglesias subliña o valor que para o Desguaces Tino Racing ten o título autonómico feminino da súa integrante, á que lle «vexo futuro» no automobilismo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A novel que sacou o carné de campioa galega de automobilismo