A escudería ribadumiense destrona a raíña do autocrós

La Voz

RIBADUMIA

MONICA IRAGO

08 feb 2019 . Actualizado a las 12:14 h.

Bárbara Gómez participou tamén do título da Agrupación 3 da Copa Galicia de Ralimix, pero neste caso a Federación Galega de Automobilismo só lle entregaba trofeo ao piloto, Tinín Iglesias, quen levou ademais o de subcampión do Campionato de Galicia de Autocrós Clase I en menos de 1.600 c.c.

O Desguaces Tino Racing tamén trouxo a Ribadumia os galardóns de Tino Iglesias Cores como campión da Agrupación 4 da Copa de Galicia de Ralimix, da Copa Top Ten Pirelli-Castrol e da Copa Pirelli K-6, máis o de subcampión galego de ralimix clase B. Nas copas, compartindo trofeo co seu copiloto e irmán Jorge.

Pero se hai un título que poña en valor o traballo colectivo das tres ducias de pilotos e de copilotos que levan nos seus coches o Desguaces Tino Racing por bandeira, ese é o de gañador do Campionato de Galicia de Escuderías de Autocrós. O segundo triunfo ribadumiense nunha clasificación xeral por equipos, logo do colleitado no 2016 no Galego de Ralimix. Un éxito, o do autocrós, que Tino Iglesias axuda a valorar en toda a súa extensión con dous datos. Terse conseguido sen que ningún dos pilotos da súa escudería fosen quen de gañar unha soa das catro probas. E sobre todo, cando «hai moitísimos anos que o Peña Autocrós Arteixo non deixaba de gañar o Galego. Quizais sexa a primeira vez na historia», di.

Sobre a súa tempada 2018 a nivel persoal, Tino Iglesias non está tan satisfeito. E iso, porque o seu cambio de coche, pasando a competir nun Ford Fiesta N5, non foi como agardaba. «Falloume bastante», conta, privándoo do seu obxectivo principal, proclamarse campión galego de ralimix.

Con todo, o piloto ribadumiense volverá confiar este ano no Ford Fiesta N5, co que disputará, ademais do calendario autonómico, varias probas do novidoso Supercampionato de España de Ralis, que mesturará terra e asfalto como o ralimix galego.