O Arousa arrinca co propósito de «ano novo, vida nova na Lomba»

Os de Sáez pechan hoxe co Somozas a primeira volta coa meta de mudar a súa discreta tarxeta na casa, onde non gañaron inda a rival directo ningún


E tres semanas despois, a Liga de Terceira División bota a andar de novo. Cousas da confección do calendario, para baixar o pano do primeiro acto dun campionato que alcanzará o seu ecuador tras a xornada de apertura do novo ano. Co Arousa pendente do resultado do seu duelo co Somozas (A Lomba, 17 horas) para facer o primeiro balance contable do exercicio sen elementos distorsionadores. 

Son moitos os factores que amplifican o resultado que hoxe remate campando no electrónico do estadio da Lomba. Ao valor en ouro de calquera bloque de 3 puntos semanais en xogo engádese o tan diferente impacto psicolóxico dun triunfo, dun empate ou dunha derrota no encontro que pecha a primeira volta, e ao mesmo tempo abre o 2019. Un ano que o Arousa ten a obriga de arrincar cun firme propósito se pretende rematar ocupando un dos catro primeiros postos da clasificación final. O de elevar, con moito, o seu modesto balance como equipo local. De feito, o conxunto que adestra Rafa Sáez chega ao seu choque co Somozas cos mesmos triunfos -catro- ca derrotas no seu feudo, ao que lles engade un empate. Isto é, o Arousa deixou fuxir 14 dos 27 puntos disputados ata o momento sobre o céspede do terreo de xogo vilagarcián. Nada que ver coas sete vitorias na casa dos catro primeiros clasificados, no seu caso sobre dez partidos agás o Barco.

A estes fríos números súmaselle un vector de calidade. E é que o cadro arousista non foi quen ata hoxe de puntuar sequera na Lomba ante ningún dos rivais directos polos postos de promoción de ascenso que lle cursaron visita na primeira volta. Con cadansúas derrotas a mans do Alondras (2-3, xornada 4), do Bergantiños (0-2, xornada 8) e mais do Racing de Ferrol (0-1, xornada 9).

Así as cousas, o colectivo de Rafa Sáez non ten máis marxe de agarda para comezar a marcar, desde hoxe mesmo, territorio. Un paso adiante que require superar o oitavo clasificado, o Somozas, 4 puntos por debaixo do Arousa, pero cunha traxectoria recente, de catro triunfos e dous empates, que fala dun dos equipos máis en forma e con maior proxección da Liga antes do parón de Nadal.

Rafa Sáez lembraba onte a tarxeta de presentación do seu rival, do que salientou que «traballa moi ben a nivel defensivo. É bastante hermético. Non é doado facerlle ocasións», ao tempo que resulta «perigoso». Un pack que ofrece ben compactado máis pola calidade do seu colectivo, subliña o adestrador do Arousa, que polas súas individualidades. Con Gerardo como o seu xefe de operacións e máximo goleador (8 dos 25 tantos do Somozas, 5 de penalti), e co dianteiro centro ex-arlequinado Quique Cubas como referente ofensivo.

Tras a marcha, en calidade de cedidos, dos canteiráns Javi Acuña e Batallón ao Vilalonga e ao Juventud Cambados, respectivamente, Rafa Sáez convocou hoxe os seus 18 xogadores a disposición, procedendo xusto antes do partido a comunicar os seus descartes. Unha dinámica que se está a asentar nas convocatorias na Lomba, á que Sáez se refire como «unha maneira de facer equipo».

Carro perde tamén a Mota para medirse a un Racing en cadro

Non paran de crecerlle os ananos ao C.D. Ribadumia. Con Cerqueiras recuperándose inda dunha rotura ósea, con Gabi no dique seco outras dúas semanas por causa dunha escordadura, con Teti moi probablemente acercándose ao adeus definitivo á tempada polos seus; desde esta semana o conxunto da Senra tampouco pode contar con Mota. O mediapunta, un dos fixos no esquema de Luis Carro, causa baixa indefinida por motivos laborais. Un problema que derivou a maiores na saída do club de Alberto, que dependía de Mota para desprazarse en coche aos adestramentos do equipo, e que apenas contara nos plans do adestrador aurinegro.

Sen os cinco mencionados, o C.D. Ribadumia viaxa hoxe ao estadio da Malata cos seus 17 efectivos dispoñibles para xogar contra o segundo clasificado, o Racing de Ferrol (17 horas). Luis Carro falaba onte do «campo máis complicado, ante o equipo con máis recursos da Liga, con xogadores de nivel de Segunda División B». E se o que di non deixa de ser certo en boa medida, tamén o é que o Racing apostou por un cadro de persoal demasiado curto, o que obrigou esta semana ao seu técnico a convocar a tres xuvenís ante as baixas de Carlos García, de Javi Sanmartín, de Joselu e de Diego Garrido.

O Céltiga madruga nun choque marcado en vermello

Penúltimo clasificado con só 14 puntos, o Céltiga visita esta mañá o campo coruñés da Grela (12.15 horas) sen máis opción que volver cos 3 puntos en xogo. Porque se completar a primeira volta con unicamente os 14 puntos cos que chega ao feudo do Silva resulta alarmante, no caso dun triunfo local a situación agravaríase inda máis por canto o Silva era onte décimo cuarto, 5 puntos por enriba do equipo que dirixe Javi Rey, que no suposto sinalado, elevaríanse a 8. 

O primeiro problema que se lle presenta hoxe ao Céltiga é o feito de non poder contar con dúas das tres fichaxes que leva realizadas no mercado de inverno. As dos dous homes chamados a acabar coa seca goleadora do equipo, Igor e Edu Otero. Con ambos os dous se conta para o partido da vindeira xornada, co primeiro a piques de completar a recuperación da súa escordadura de xeonllo e co segundo tras rematar a tramitación da súa ficha. Dúas ausencias que acentúan a baixa de Álex Fernández, por sanción.

O técnico do Céltiga sinalaba onte a dificultade de superar a un Silva «muy fuerte en su campo, en la que domina muy bien sus dimensiones reducidas. Pero nosotros», sinala, «tenemos armas para jugar a lo mismo».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

O Arousa arrinca co propósito de «ano novo, vida nova na Lomba»