O Céltiga pretende fichar entre hoxe e mañá un recambio de primeiro nivel para o vestiario

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

MARTINA MISER

A directiva manexa unha axenda de catro adestradores con ampla experiencia na Terceira, dous deles tamén na Segunda B

04 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O baleiro no vestiario do Salvador Otero tras a dimisión irrevocable de Manolo Núñez na noite do pasado domingo será extremadamente breve. A lo menos, se se cumpren os prazos manexados polo director deportivo do Céltiga, Diego Gondar, que tras tentar sen éxito que o técnico ourensán reconsiderase á súa decisión en quente nada máis finalizar a humillante derrota do equipo illense por 0 goles a 8 a mans do Ourense C.F., pretende non perder un minuto para tentar darlle a volta a unha traxectoria que vén de afundir o conxunto insular na zona de descenso directo. Unha situación que ameaza con cronificarse.

Así, e despois de que o preparador físico do equipo, Pablo, dirixise onte a sesión de recuperación do Céltiga, a intención de Diego Gondar é que o primeiro adestramento técnico e táctico da semana conte mañá á noite xa co relevo de Manolo Núñez.

Sen dar nomes, o director deportivo do club illense explicou que manexa na axenda catro alternativas cun denominador común: Unha ampla experiencia na Terceira División. Dous deles extensiva á Segunda División B.

E isto é así por dous motivos. Porque un equipo que figura antepenúltimo na clasificación cun cadro de xogadores na súa maioría Sub-23 precisa dalguén con cintura para sortear unha crise así, facendo reaccionar os seus homes. E segundo, porque nas oficinas do Salvador Otero non foxen da realidade, plenamente conscientes de que coa actual configuración do equipo non basta para pensar en salvar a categoría.

Como mínimo segue a faltar o mesmo que necesitou Manolo Núñez desde o inicio de Liga, un lateral esquerdo e un home-gol de absoluta garantía; e o adestrador que se fiche debe ter capacidade por si só para, co respaldo económico do club, pescar a lo menos estes dous reforzos aproveitando a inminente reactivación do mercado.

«Impulso anímico» ao Arousa

Os graves problemas do Céltiga contrastan coa recuperación do sorriso nas caras da xente do Arousa. «Hay que estar contento», dicía o domingo o seu adestrador, Rafa Sáez, da vitoria sobre o Arenteiro, coa que os arlequinados cortaban tres semanas sen gañar, con só 5 puntos sumados dos anteriores 21 en xogo. «Esto nos va a dar impulso anímico para afrontar los cuatro partidos que nos quedan de la primera vuelta», sinala Sáez, pendente ata o xoves da evolución da escordadura de nocello pola que Julio Rey se tivo que retirar o domingo do campo antes de tempo, a raíz dunha fea entrada do tamén vilagarcián Fajardo.

Rachar a dinámica no Ribadumia

O que non foi quen de saír da súa crise foi o Ribadumia, coa súa sexta derrota nos últimos sete partidos. Un 3-1 a mans do Silva nunha mestura de decisións arbitrais e mala sorte que levou ao técnico aurinegro, Luis Carro, a declarar que «nunha dinámica boa este partido teriámolo que ter gañado. Sen dúbida ningunha. O máis difícil disto é romper a dinámica».

Semana con tres días de partidos no balompé arousán

A ponte da Constitución ofrece unha intesa semana no fútbol arousán. Con partidos o xoves, sábado e domingo. Na tarde do primeiro día, coa disputa da decimosétima xornada da Liga de Preferente, con estes encontros: Estradense-Vilalonga, Mondariz-Unión Grove, Amanecer-Alertanavia, e Juventud Cambados-Atios. O Arousa xogará o sábado (17 horas) no campo do Laracha. O Céltiga abrirá o cartel dominical ás 12 no feudo do Polvorín, recibindo pola tarde o Ribadumia o Paiosaco, e vivindo a Preferente a súa xornada 18.