A preocupación instálase nos vestiarios arousáns da Terceira

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

MARTINA MISER

Arousa, Ribadumia e Céltiga entran en crise

27 nov 2018 . Actualizado a las 13:51 h.

Arousa, Ribadumia e Céltiga pecharon a decimocuarta xornada da Liga de Terceira División con derrota. Unha coincidencia que vai moito máis aló, cos tres equipos do Salnés metidos de cheo en cadansúa crise, que leva os seus respectivos adestradores a usar a mesma palabra. Preocupación.

Arousa

Cinco puntos dos últimos 21 en xogo. Con escaso botín, pero ofrecendo unha máis ca aceptable imaxe de equipo con feituras de candidato á fase de ascenso. Así completaba o Arousa a súa serie de enfrontamentos cos seus teóricos rivais directos polos catro primeiros postos da clasificación. O problema é que cando tocou comezar aproveitar o teórico treito máis asequible do calendario, o cadro adestrado por Rafa Sáez continúa perdendo aire. Cedendo un empate co hoxe modesto Boiro na Lomba. E hai dous días, perdendo no, certo é, case inexpugnable terreo de xogo do Choco. En ambos os dous casos, encaixando demasiado cedo, un mal hábito que está a desangrar o cadro arlequinado.

«Estou preocupado. Se non o estivera, sería unha imprudencia», comentaba onte Rafa Sáez sobre a recente traxectoria do seu equipo, hoxe 4 puntos por debaixo do cuarto clasificado, un Barco que conta ademais cun partido menos disputado. Con todo, o técnico do cadro arlequinado lanza unha mensaxe de tranquilidade: «Non hai denominadores comúns que se estean a dar nos 3-4 últimos partidos. A xestión do momento que nos toca témola que facer desde a tranquilidade, desde a autocrítica, e sobre todo, cunha gran dose de autoestima» visto o bo xogo que, salienta Sáez, fixo o seu colectivo ante o Choco estrelándose, sostén, porque «non estivemos acertados no remate», e tamén «pola actuación do porteiro local».

Ribadumia

O espellismo do Salvador Otero. «Preocupado. Si, si. Si, si. Preocupado, porque estamos nunha dinámica de difícil explicación. Hai dúas semanas sabiamos por que encaixabamos moitos goles, e corrixímolo. O pasado domingo encaixamos un gol a balón parado, evitable, e nunha perda na saída do balón». Así as cousas, o adestrador do Ribadumia, Luis Carro, recupera o seu recente discurso tras reiniciar co Alondras (0-3) unha serie negativa que se fora ata as catro derrotas consecutivas antes da tregua obtida no campo de Céltiga (0-1): «Temos que ser máis solventes defensivamente, e recuperar moitas cousas en ataque», resume o técnico vilanovés, que non atopa outra solución para conseguilo que «máis traballo».

Céltiga

«O preocupante é a dinámica». Dío o adestrador do Céltiga, logo de catro derrotas consecutivas nas que o cadro illense foi incapaz de marcar gol. Manolo Núñez láiase de que «non cambiamos a dinámica nin á de tres», considerando que a situación na táboa, quinto o equipo pola cola da clasificación cun só punto de vantaxe sobre a zona de descenso, figura «dentro do normal». Atopar o punta que lle falta ao equipo resulta unha urxencia.