Cano deixa o Céltiga de mutuo acordo, e o club engade un punta á procura do lateral esquerdo

Manolo Núñez queda con tan só dezaoito efectivos máis Javi, lesionado de longa duración, insuficientes con tanta Liga por diante


O cadro de xogadores do Céltiga volveu adelgazar o pasado luns. Desta volta, coa marcha do equipo de Juan Martín Cano, o dianteiro centro italoarxentino de 24 anos que chegaba a mediados de agosto ao equipo coa pretempada camiñando cara ao seu fin, procedente da Primeira División de Panamá. Unha fichaxe destinada a paliar o problema que se lle presentaba ao adestrador do conxunto illense, Manolo Núñez, polas lesións dos dous puntas chamados a resolver o grave défice goleador do Céltiga que a piques estivera a tempada pasada de custarlle a praza na Terceira.

Certo é que, ao contrario co holandés Orlando e co luso Mario Jardel júnior, Cano si chegou a estrearse na Liga co cadro arousán. Máis ca iso, figurou en oito das once convocatorias oficiais no campionato da regularidade redactadas por Manolo Núñez desde o seu inicio, a finais de agosto. Incluídas cinco titularidades. Minutos que non traducíu en actuacións convincentes aos ollos do preparador do Céltiga, que non tardou en decidirse por Álex Fernández como referente ofensivo e, cando este foi baixa por sanción, por Javi Ben como substituto; ambos os dous inda séniores de primeiro ano.

Inédito na táboa de goleadores da Liga, Cano dirixíuse hai un par de semanas a Manolo Núñez para falar da súa situación no equipo. Entendendo que non ía ter protagonismo na aposta do técnico ourensán, a semana pasada o futbolista trasladoulle ao director deportivo do Céltiga, Diego Gondar, que se o club estaba de acordo, querería marchar. E así o fixo, de mutuo acordo a comezos da presente semana.

O xa exadestrador de Cano salientaba onte as boas formas do deportista, declarando ao respecto que «o chaval deixou o club sen problema ningún». Nada que ver cos casos dos portugueses Mario Jardel júnior e o interior Canhoto, despedidos polo club logo de ser apartados da disciplina do equipo por Manolo Núñez en resposta á súa incomparecencia a dous adestramentos sen xustificación válida.

O Céltiga queda agora con tan só 19 xogadores en nómina, incluído o canteirán Javi, con varios meses de recuperación inda por diante logo de ter tido que pasar por quirófano. Así as cousas, Núñez cifra en dous os reforzos que o Céltiga precisa en canto o mercado facilite a súa contratación.Un punta con gol, o que estaban chamados a ser no vestiario do Salvador Otero Mario Jardel júnior e Orlando, e que o club tentou atopar en Cano cando tocou parchear polas lesións de pretempada. Un dianteiro centro que permita recolocar a Álex Fernández nunha banda, enriquecendo e elevando a produtividade da liña de ataque illense. E xunto co punta, o lateral esquerdo que Núñez lle leva pedindo á directiva desde que acabou de perder a confianza no británico Arinse, relegado á suplencia desde a sexta xornada por un Cantero reconvertido a un posto que non é o seu.

Sen prazos para a fichaxe dos dous especialistas, o técnico do Céltiga traballaba onte coa premisa dun único descarte este domingo en Vilalba, sancionado Capi por acumulación de sancións.

Luis Carro confía en recuperar a Cerqueiras, pero perde a Aarón

O Ribadumia prepara o partido deste domingo na Senra co Polvorín coa necesidade de reencontrarse co triunfo logo dun empate e de tres derrotas encadeadas. Unha necesidade máis cá numérica, anímica. Sobre todo logo da manciña encaixada hai catro días polo conxunto de Luis Carro a mans do Ourense C.F.

Que os aurinegros xoguen co factor campo a favor e ante un rival en zona de descenso directo, decimosétimo, eleva a esixencia do Ribadumia, que volve ter na súa longa lista de ausencias o seu talón de Aquiles.

Así, Eloy, Teti e Bugallo continúan unha semana máis na enfermería. A boa nova é a alta médica de Cerqueiras, que tras dúas semanas adestrándose co grupo, podería xogar o seu segundo partido da tempada; claro que Carro perde a Aarón Paredes, por acumulación de tarxetas. Santi, baixa ante o Ourense C.F., é inda seria dúbida para a convocatoria.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Cano deixa o Céltiga de mutuo acordo, e o club engade un punta á procura do lateral esquerdo