A segunda unidade do Ribadumia xoga polo título da Copa Federación

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

MONICA IRAGO

O Bergantiños acode á final de San Lázaro (20.15 horas) co mesmo plan

10 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa Liga moi presente. Así encaran esta noite o C.D. Ribadumia e mais o Bergantiños a final da fase galega da Copa da Real Federación Española de Fútbol, a comunmente denominada Copa Federación. En campo neutral, o Estadio de San Lázaro de Santiago de Compostela, o sexto clasificado e o líder da Liga de Terceira División medirán forzas a partir das 20.15 horas. Ou para ser precisos, as súas respectivas segundas unidades. E é que a pesar de avanzar inda cara a oitava xornada do campionato regular, a que se xogará este domingo, os adestradores de ambos os dous aspirantes ao primeiro título oficial da tempada deixaron claro na véspera do seu duelo que priorizan a competición semanal. No caso do cadro de Carballo, xogándose o domingo o liderado na Lomba fronte ao segundo, o Arousa.

Sen Fran Fandiño, Cerqueiras nin Eloy Fariña, lesionados, os dous últimos desde a pretempada, Luis Carro informaba onte de que «imos viaxar cos 19 dispoñibles, e decidiremos os tres descartes en Santiago». E se ben «gañar unha final é bonito», di, sostén que «hai que ser xustos coa xente que ten menos minutos contando con que xogamos en dúas competicións, e temos que ter en conta tamén o partido de Liga do domingo». Dito isto, o técnico aurinegro só desvelou que Roberto Pazos ocupará a portería en detrimento do titular na Liga, Ángel Expósito, dando a entender que os dous tocados do equipo, o capitán Miguel Vázquez e o goleador Aarón Paredes, non sairán de cara, se é que chegan entrar na convocatoria final.

Sobre o rival, Luis Carro comenta que «é un moi bo equipo» que víu xogar nas dúas últimas xornadas da Liga, comprobando que «sen ser mellor co rival, mesmo sen ser merecente de gañar, ten tanta dinamita arriba, que non precisa moito para facer gol». Tres para ser exactos na súa visita ao Compos dez días atrás, con Jorge Sáez, con Cano, con Cañi e co pichichi do campionato regular, Rubén Rivera, causando estragos diante de calquera defensa.

Claro que, polo adiantado polo seu adestrador, Miguel Figueira, é posible que ningún deles xogue hoxe: «Cambios vai haber, porque teño futbolistas que veñen de xogar todo na Liga, e non están fisicamente para aguantar tres partidos nunha semana». Como Carro, Figueira adianta o troco de porteiros, con Bugy titular, ademais da continuidade do seu 4-4-2 diante dun rival, o Ribadumia, que o técnico do Bergantiños define como «un dos conxuntos que mellor fútbol practica da categoría».

Dous buses cheos con seareiros para apoiar os de Carro

O Concello de Ribadumia ofreceulles aos seareiros do equipo aurinegro poñer cantos autobuses fosen precisos para acompañar os homes de Luis Carro en San Lázaro na final da Copa Federación. Finalmente encheuse un de 55 prazas, que sumadas aos que viaxarán no propio bus do equipo, fan arredor dun cento de afeccionados ribadumienses seguros no partido. Desde a Federación Galega informouse de que a entrada é de balde, e que só se abrirá a grada de tribuna de San Lázaro para o público. Máis aló do prestixio de gañar unha fase autonómica, co Silva como último campión sucedendo o Arousa, o gañador hoxe ingresará 3.005 euros de premio en metálico, clasificándose para unha fase estatal da Copa na que xa agardan o Pontevedra e Rápido de Bouzas.