O Arousa iniciará a Liga o 26 de agosto no campo do Ourense C.F.

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

MONICA IRAGO

Céltiga e Ribadumia debutarán na Illa e na Senra cos recén ascendidos Paiosaco e U.D. Ourense. Os de Rafa Sáez rematarán o campionato visitando o Somozas

30 jul 2018 . Actualizado a las 21:40 h.

A última hora da tarde de hoxe luns procedía a Real Federación Galega de Fútbol aos sorteos dos calendarios de Liga da Terceira División e dos dous grupos de Preferente Galicia. Un sorteo que deparou a estrea na casa do Céltiga e do Ribadumia na primeira xornada, programada para o 26 de agosto, fronte a dous recén ascendidos, o Paiosaco no Salvador Otero, e na Senra ante unha U.D. Ourense herdeira do desaparecido equipo de cabeceira da Cidade das Burgas. Ao Arousa, pola súa parte, tocoulle arrincar no campo do Ourense C.F., S.A.D., a actual denominación do antigo Ponte.

A primeira volta concluirá o 13 de xaneiro, logo dun parón de tres semanas en Nadal. Ese día o Ribadumia visitará o Racing Ferrol e o Céltiga o Silva, mentres o Arousa de Rafa Sáez se enfrontará na Lomba cun dos seus sobre o papel adversarios directos por unha das catro prazas na vindeira fase de ascenso á Segunda B, o Somozas. Con eses tres rivais pecharán o campionato o 19 de maio os conxuntos do Salnés. Os derbis: Céltiga-Arousa (9 de setembro na Illa, e 3 de febreiro), Céltiga-Ribadumia (18 de novembro no Salvador Otero, e 14 de abril); e Ribadumia-Arousa (o 23 de decembro na Senra, e 12 de maio).

Sendo obrigada unha boa regularidade, o certo é que o calendario debuxa sobre o papel unha esixencia extra para o Arousa no segundo mes da primera e da segunda voltas. O cadro arlequinado arrincará outubro visitando o vixente campión de Liga, Compos, recibindo logo o Bergantiños, subcampión, e o recén descendido Racing Ferrol, para pechar o mes no Couto fronte á U.D. Ourense.

Primeiro derbi na segunda semana da Preferente

No tocante ao sorteo do grupo sur da Preferente, o Juventud Cambados xogará o 26 de agosto o seu primeiro partido en sete anos na categoría no campo do Bande, co Amanecer estreándose na Preferente no feudo do Valladares, e o Vilalonga no do Moaña. O Unión Grove será o único en xogar na casa, co Estradense.

A segunda xornada, o 2 de setembro, ofrecerá o primeiro derbi, un Vilalonga-Unión Grove no Novo San Pedro. Os preferentes pecharán a primeira volta o 16 de decembro, iniciando a segunda sete días despois ao aproveitar as festividades do 1 de novembro e do 6 de decembro, o que lles permitirá parar en Semana Santa para rematar a Liga o 26 de maio.