A armada arousá aspira a sete medallas no Mundial Júnior e Sub-23

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

PABLO PENEDO

Carla Frieiro (K-1 200 e 500), Manuel Fontán (C-1 1.000 e C-4 500), María Pérez (C-1 e C-2 500) e Noel Domínguez (C-2 1.000) buscan consolidarse en Bulgaria

26 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Campionato do Mundo de Esprint Júnior e Sub-23 preséntase desde hoxe e ata o domingo como a gran reválida anual para os catro padexeiros do Salnés chamados a pelexar un posto na elite internacional nos vindeiros anos. Coa catoirense Carla Frieiro Carril (As Torres-Romaría Vikinga), cos canoístas do Náutico O Muíño de Ribadumia Manuel Fontán Señoráns e María Pérez Aragunde, e co madrileño do Breogán do Grove, Noel Domínguez, partindo entre os candidatos a medalla nas sete probas nas que figuran inscritos na gran cita de Plovdiv, Bulgaria.

Os catro comezan hoxe a súa andaina no Mundial. Con Manuel Fontán buscando o pase á final do C-1 1.000 gañando a súa serie de clasificación eludindo as semifinais. Ás 9.49 sairá na terceira e última das series da canoa individual do quilómetro, da que é o actual subcampión europeo desde o 30 de xuño. Ademais, a primeira hora da tarde do sábado Fontán buscará un posto na final dominical do C-4 500 xunto a Joan Antoni Moreno, a David Sánchez e a Nicolás Sprimont.

Hoxe, na segunda das 264 regatas programadas no Mundial, María Pérez paleará polo triunfo na súa serie do C-1 500 Xuvenil para acceder directamente á final de mañá venres. A canoísta replicará o camiño no C-2 500 na tarde do sábado, coa pontevedresa María de la Peña coma compañeira. A final A do barco dobre está fixada para a media mañá do domingo. A deportista do Muíño ten na súa man encadear a súa segunda medalla mundial, logo da prata no C-2 200 no 2017.

O madrileño Noel Domínguez aspira a repetir podio internacional, logo de colgarse o 30 de xuño en Italia o bronce no C-2 1.000 Sub-23 no Campionato de Europa da categoría. O sevillano Gonzalo Martín Fijo é de novo o seu compañeiro. Hoxe ao mediodía son as eliminatorias, cos tres primeiros con praza na final do venres ás 17.16 horas. Non pasar o corte requeriría disputar unha repesca menos de seis horas antes da regata polas medallas.

 

Frieiro, tamén no Mundial Sénior

Como Fontán e Pérez, a catoirense Carla Frieiro dobrará barco no Mundial de Plovdiv. Só que ela o fará nos dous casos en embarcacións do programa olímpico. Concretamente, nos kayaks individuais, sobre os 200 e os 500 metros. A xuvenil das Torres-Romaría Vikinga renunciou ao Europeo da súa categoría para centrar todas as súas enerxías e traballo nunha cita da que, di o director deportivo do seu club, Luis Busto, pretende «traer dúas medallas, e se poden ser de ouro, mellor que de prata. Os seus tempos, sobre todo no 200, indícannos que son de medalla».

Frieiro viaxou a Plovdiv só unha semana despois de ser confirmada na selección que acudirá ao Mundial Sénior de finais de Agosto en Portugal. Alí disputará nada menos co K-1 500. E iso, tras ser segunda no selectivo só por detrás duna Laia Pelachs que renunciou polo tamén olímpico K-2 500.