O C.D. Ribadumia 2018/19 arrincou ao completo

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

MONICA IRAGO

Luis Carro traballa con 20 fichaxes e con 3 xogadores a proba. O Rápido de Bouzas, este sábado, primeiro rival de pretempada para o conxunto da Senra

17 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O C.D. Ribadumia convertíase na noite de onte no equipo arousán da Terceira máis madrugador. Ás nove da noite, o plantel 2018/19 comezaba traballar no campo da Senra baixo as ordes dun Luis Carro que dirixe o conxunto aurinegro por segunda tempada consecutiva. E ao contrario cos seus veciños, Céltiga e Arousa, procede a acoplar o seu novo proxecto con todas as súas pezas dispostas, cando, a falta inda da confirmación oficial, restan seis semanas para a apertura do campionato ligueiro.

Con 20 xogadores fichados e outros 3 a proba traballa desde onte Luis Carro, coa continuidade sostendo a súa proposta. Trece futbolistas repiten no vestiario da Senra, máis sete reforzos procedentes dos rivais veciños a pasada Liga; e tan só un titular cambiando de aires, o mediapunta Josiño, que tras unha gran campaña, e na súa cobizada condición de Sub-23, fichou polo Compostela logo de declinar entre outras unha oferta do Arousa. Así as cousas, o técnico aurinegro dispón do seguinte plantel: Roberto Pazos (procedente do Arousa) e Ángel, na portería. Santi, Rodri, Alberto Rey (Vilalonga), Fran Matos (Arousa), Miguel Vázquez, Bugallo e Javi Domingo, na defensa. Gabi, Pablo Mota, Cheri, Fran Fandiño, Rubén Cerqueiras, Manu (Céltiga), Óscar (Arousa), Teti e Eloy (Arousa), no centro do campo. E Hugo Soto e Aarón Paredes (Vilalonga) na punta de ataque. Os zagueiros Diego Abal (Celta D.H. Xuvenil) e Álex Barbeito (Unión Grove), e o centrocampista Monchito (Portonovo) parten a proba, con Nelo pendente inda de coñecer a gravidade da súa lesión nun xeonllo a finais do último curso.

 

O Rápido de Bouzas, este sábado na Senra, primeiro test

O Ribadumia comezará a rodarse xa este sábado, ás 20.30 horas na Senra, co Rápido de Bouzas de 2ª. B como rival. O 26 xogará en Noia, o 28 na casa co J. Cambados, o 1 de agosto no campo do Amanecer e o 4 no do Portonovo. O 8 haberá en Ribadumia eliminatoria de Copa RFEF co Céltiga. O 12 Trofeo Concello. E o 19, visita o Moaña.