Ribadumia levará a cabo as devolucións de recibos de auga que non foron domiciliados

La Voz RIBADUMIA / LA VOZ

RIBADUMIA

MARTINA MISER

Tamén pon ao cobro o imposto de vehículos e a taxa da recollida do lixo

20 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Ribadumia informa de que se vai poñer en

marcha a última fase das devolucións dos importes de subministro de auga aínda non devoltos no procedemento efectuado polo ORAL. Unha vez rematado o proceso polo que a oficina de recadación debía encargarse da devolución de recibos con consumos emitidos erroneamente polo subministro de auga durante os anos 2015 e 2016, e tras recibir por parte deste organismo o listado dos contribuíntes

aos que non se lles puido practicar ditas devolucións, o Concello pasará a facerse cargo das mesmas, segundo informa o equipo de goberno.

Para poder levar a cabo os correspondentes reembolsos é preciso que os veciños afectados faciliten un número de conta, mediante unha copia da cartilla do banco ou un certificado de conta bancaria, a nome do titular do recibo de auga. Esta

documentación poderá ser entregada na casa da cultura de Ribadumia dende o luns 21 de maio ata o venres 25, en horario de 8.30 a 14.30, ou a través do correo electrónico catastro@ribadumia.org.

Por outra banda, o Concello informa de que o período para aboar o padrón do imposto sobre vehículos de tracción mecánica de 2018 estará aberto ata o vindeiro 9 de xullo. Así mesmo, a taxa de recollida de lixo do segundo semestre de 2017 dos veciños que non conten con domiciliación bancaria poderá pagarse nas mesmas oficinas ata o 14 de xullo.