A BBC da Terceira ten as súas taquillas no vestiario da Lomba

RIBADUMIA

MARTINA MISER

Javi Pazos, Sylla e Julio Rey forman o tridente máis goleador da Liga empatados a 34 goles cos compostelanistas Primo, Gegunde e Ares

06 abr 2018 . Actualizado a las 13:39 h.

O parón da Semana Santa dará paso este domingo ao inicio do desenlace da Liga 2017/18 no grupo galego da Terceira División. Unha recta final que o Arousa agarda completar no podio dos catro primeiros clasificados con dereito a aspirar ao ascenso á Segunda B. Un reto que pasa por superar o Alondras, Somozas e Racing Vilalbés, e mesmo, por que non, o Barco, os catro equipos que o preceden entre a sexta a e terceira prazas da táboa nestes momentos nun intervalo con tan só 4 puntos de separación entre o mellor clasificado, o Barco, e o Arousa, sétimo. E neste esprint final o conxunto arlequinado conta cunha palanca de primeiro nivel para seguir impulsándose na Liga: dispor de nada menos que do mellor tridente goleador do campionato á par do que loce o líder Compostela. Unha sorte daquela BBC de cando Bale e Benzema producían ao nivel de Cristiano Ronaldo. Co pichichi do torneo, Javi Pazos (21 tantos), Sylla (7) e Julio Rey (6) sumando as mesmas 34 dianas que levan asinado entre Primo (17), Santi Gegunde (9) e Álex Ares (8) no conxunto santiagués. Rexistros que inclúen tres tantos de penalti no cadro vilagarcián, todos saídos das botas do dianteiro centro de Marín, e catro no conxunto capitalino, con dous do seu punta cántabro e outros tantos obra de Álex Ares.

Mirando os tres máximos productores ofensivos de cada equipo, vemos que tan só dous dos catro rivais directos do Arousa antes apuntados reúnen tridentes dun nivel semellante ao do plantel dirixido por Jorge Otero. Falamos do Somozas e do Barco, ambos con 28 goles rubricados polos seus tres homes-gol de referencia. No caso do colectivo ferrolterrán Gerardo presenta unha tarxeta de 13 dianas (5 de penalti), Duque 9 e Alejandro Pérez 6, mentres que no Barco son Ivi Vales, cunha ducia de goles, David Álvarez, cunha decena, e Rely Cabral, con seis, as voces cantantes no ataque ourensán.

Con dous terzos do rexistro do tridente arlequinado, o CD Ribadumia ten bastante ben cuberto o apartado de referentes goleadores. Con Hugo Soto recuperando parte do seu noutros tempos afilado colmillo de killer con 9 tantos, acompañado por un extremo/mediapunta como José Filgueira con media ducia e igual cifra dun home-gol tan insospeitado como Santi Padín, lateral dereito.

 

Os problemas téñenos os outros dous equipos arousáns na categoría. O pechacancelas Vilalonga, co seu pichichi, Aarón Paredes (10 dianas) volvendo a ver porta hai ben pouco tras media Liga seco, e con Adrián Padín como segundo máximo goleador do equipo con só dous goles. Claro que máis mérito ten ver a un Céltiga ben vivo na pelexa pola permanencia con Capi e con Paco Allo coma pichichis con 3 tantos tras as marchas de Uru (5) e de Camiño (3).