A parella cun volante por alianza

Tinín Iglesias e Bárbara Gómez coñecéronse no 2014 correndo el un autocrós e ela na organización, e agora amplían a súa relación aos mandos dun Ford Fiesta R2


O mundo do motor cruzou os seus camiños da vida hai catro anos, e unha voda intervíu para darlle unha nova volta á lazada que desde o 2014 une a Tinín Iglesias Duarte (Ribadumia, 11/I/1994) e Bárbara Gómez Oubel (1/IX/1994). Unha parella que vén de estender a súa convivencia diaria á esfera deportiva, con Bárbara pasando de acompañante a copiloto de quen leva desde os 16 anos competindo no mundo do automobilismo, no que loce o histórico dobrete de campión galego de autocrós nas categorías de +1600 e -1600 do 2017.

«Vivo en Boiro, pero nacín en Rianxo. Meus avós son de Taragoña, e alí faise o Autocrós do Castro. Con 14 anos comecei ir velo cos meus amigos, e con 16, a colaborar coa organización. E así coñecín no 2014 a Tinín. Desde ese ano somos parella», relata Bárbara.

Mentres el seguía pilotando no autocrós, en ralis e en ralimix, ela mataba o seu gusto polo mundo do motor de competición exercendo de comisaria de carreiras, e indo con Tinín aos seus adestramentos, sentada na parte traseira, onde non perdía detalle «para aprender». E o ano pasado chegoulle a oportunidade pola que estaba devecendo. «O copiloto de Tinín non puido ir ao Rali de Narón do ano pasado, e eu ocupei o seu posto». «Gustoume moito», lembra Bárbara. «Xa me gustaba a competición, pero unha vez que probas, gústache máis». Despois virían o Rali da Ribeira Sacra, e o Ralimix de Barbadás, este último con outro piloto da súa escudería, Desguaces Tino Racing, que o pai de Tinín, Tino Iglesias, fundaba no 2010 e do que este segue a ser o piloto de referencia.

As tres probas completadas no 2017 valéronlle a Bárbara o subcampionato galego de copiloto júnior Volante FGA do Campionato Galego de Ralis. E a convicción do seu mozo de que a relación coa súa parella podía funcionar igual de ben a nivel deportivo no Fiesta R2 que pilota este ano.

«O meu anterior copiloto, Christofer Telmo Díaz, anda cos preparativos da súa voda, e este ano decidíu aparcar o dos ralis, e pensei en Bárbara», conta Tinín Iglesias. E despois dos dous ralis xuntos do ano pasado, e outras tantas probas no inicio da actual tempada, o Rali da Coruña e o Ralimix de Cuntis, o piloto non ten a menor dúbida: «Bárbara tómao moi en serio. Víveo moito. Sorpréndeme cada día. Faino todo perfecto».

Lonxe de supoñer un problema, a relación persoal entre ambos é, din os dous, unha vantaxe para asaltar a Agrupación 3 do Campionato Galego de Ralimix, o seu obxectivo compartido esta tempada, deixando a reválida dos dous títulos de autocrós, modalidade individual, na pericia exclusiva de Tinín. «Tomámonolo moi en serio. Facendo as cousas como hai que facelas. Se ela ve que hai unha cousa que non faga ben, dimo», comenta Iglesias.

Na mesma liña se manifesta Bárbara. «Entendémonos moi ben. Temos moita confianza. Se a el non lle gusta algo do que fago, dimo. Iso é moi positivo. E eu igual. Se competiramos con outros, ao mellor calariamos. A confianza fainos un favor enorme».

Vaiemos ao detalle. ¿Que fai de Bárbara unha boa copiloto? «Unha boa copiloto sobre todo ten que ser organizada. Tranquila. Ter a cabeza fría. Inda que eu non son tranquila, vou bastante ben con iso», di a barbanzana. Co seu espírito competitivo engraxando a súa cabeza: «Sempre quero ser a mellor, e miro as carreiras de moitas copilotos. Sobre todo de Andrea Lamas, Sara Fernández e Alba Sánchez, que chegou correr unha proba do Mundial».

«Cada vez nos ralis vense máis mulleres copilotos. En Galicia, nun rali con 150 coches inscritos, ao mellor somos unhas 20», salienta Bárbara. «Paréceme moi ben. As mulleres poden facer o traballo de copiloto mesmo moito mellor cá un home, porque son moito máis calculadoras», opina Tinín. E o ambiente que se respira no automobilismo, a lo menos no galego, anima a camiñar por aí.

Así o pensa Bárbara: «Que haxa máis homes no automobilismo é un tema de gustos. Os compañeiros e os rivais arroupáronme un montón desde o primeiro día. Este é un deporte moi igualitario, no que as mulleres tamén poden disputar o Mundial de Ralis». E con elo, correr unha proba do Mundial con Tinín, soña a parela de dous.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

A parella cun volante por alianza