David Castro: «No problema que houbo cos recibos da auga, a ORAL non estivo á altura»

Lamenta que o organismo tardara tanto en reaccionar, e que o PP usara un erro humano para facer política

.

ribadumia / la voz

David Castro considera que o seu equipo foi quen de darlle unha volta á xestión municipal, resolver os erros pasados e prestar unha mellor atención aos veciños. Nin sequera critica aos seus antecesores, «todo o que se fixo en Ribadumia foi importante», recoñece sen dubidalo. So se amosa anoxado co que pasou cos recibos da auga. Nin a ORAL, nin a oposición soubo estar á altura neste tema, engade.

-¿Que balance fai destes dous anos e medio gobernando?

-Estes dous anos e medio foron moi intensos en canto á xestión e ao traballo para darlle un cambio a este Concello, sobre todo administrativamente, que tiña moitas deficiencias. Tentamos sentar as bases e modernizar a xestión municipal. Cando vimos o desfase administrativo, tentamos buscar un programa informático que unira todas esas xestións e que enlazara o rexistro coa administración e a contabilidade. Agora mesmo tamén estamos preparados para recadar os impostos da ORAL. Son cuestión que os veciños a curto prazo non ven, pero que a medio prazo si que se van notar.

-¿Van as cousas como tiñan pensado ou máis lento de que lles gustaría?

-Nalgunhas xestións precisábamos ir máis rápido, pero cando dependemos de terceiras administración, como pode ser a Deputación, os proxectos se ralentizan. Nós nos marcamos unha serio de proxectos cando chegamos, pero tamén apostamos por traballar o día a día. E agora é ao que lle dedicamos máis tempo. Fomos moi eficaces porque houbo un momento no que se puxo en dúbida a capacidade do Concello para prestar certos servizos. Adquirimos maquinaria e apostamos polos servizos básicos, que son fundamentais. Hai concellos que se embarcan en proxectos que non lle corresponden. Nós tiñamos claro que os servizos básicos, coma a auga, o saneamento e o alumeado eran importantes. Mantivemos varias xuntanzas cos veciños e fixemos proxectos para mellorar eses servizos. Algúns están en marcha e outros rematados. Pero son os veciños os que nos apunta as necesidades, non o Concello.

-Ribadumia era o municipio dos grandes proxectos: auditorio, campo de fútbol...

-Todo o que se fixo en Ribadumia é importante. É importante ter un auditorio e un campo de fútbol. Valoramos moi positivamente todo o que se fixo en etapas anteriores, non só na última época. Ribadumia xeograficamente está ben situada e hai proxectos importantes, coma o polígono industrial, o PXOM e a parcelaria, que son de anteriores alcaldes e que creo que foron importantes para o desenvolvemento do pobo. Éramos 3.500 veciños e agora somos máis de 5.000, e iso é polo traballo que se fixo en anos anteriores. Si é certo que non se estivo tan cerca do veciño nas etapas anteriores. Para nós, o que nos transmiten os veciños é máis importante do que poden decidir tres ou catro persoas nun despacho.

-Pero atoparon problemas, como o do tanatorio.

-A verdade é que si. Administrativamente o Concello non funcionaba da mellor maneira. O tanatorio foi unha das mellores obras que se fixo en Ribadumia e ten moita demanda. Outra cousa é como se levou a cabo. Pechar un tanatorio cando se sabe que é unha obra moi importante a ninguén lle gusta. Pero é que era necesario para poder resolver o problema, e non o decidiu solo o Concello, a Xunta estaba de acordo. Tivemos máis problemas. O campo de fútbol, despois de telo licitado, tivemos que retroceder no proceso para poder lévalo a cabo. A Pousada, á que esperamos conceder licenza proximamente. Ou o alumeado público. Cando quixemos negociar con outras empresas para acadar un mellor prezo nos demos conta de que estaba ilegal. Tomamos a decisión de facer unha auditoría, e actualizar e legalizar o sistema custou 67.000 euros. Agora acabamos de presentar un proxecto de aforro enerxético por valor de 700.000 euros. Creo que son aspectos que deixaron pendentes e que o problema é que non son tan fáciles de resolver. Pero todo o que se fixo foi positivo para Ribadumia. Tamén tivemos que legalizar o cemiterio de Leiro, ou regularizar os dominios de Internet, que estaban a nome de Salomé Peña. Pero este equipo de goberno ten que coller as cousas boas e as malas. Son consciente de que hai que dar pasos en positivo porque neste Concello hai posibilidades de futuro.

-Falemos do problema que houbo cos recibos da auga.

-O tema da auga é un tema importante neste Concello. No 2015, cando chegamos, recibimos queixas dos veciños de que non lles chegaba a auga ás partes más altas. Era un problema de que non había suficiente auga para abastecer a rede de Ribadumia. Tamén había problemas no Concello de Meis, porque Paradela se abastece a través de Ribadumia. Falamos co Concello de Meis e, a través da mancomunidade, rapidamente se deron conta do problema e se fixo un proxecto para darlle máis caudal á rede por Vilanova. Foi unha inversión de 160.000 euros. O resultado é que este ano, que foi moi seco, non tivemos nin unha soa queixa por auga, aínda que sabemos que hai que seguir fortalecendo o sistema. Agora, o Concello lamenta que o PP nos critique pola lectura dos contadores porque quixeron, a un erro humano, quitarlle rendemento político. Éramos conscientes de que había un erro e o tentamos solucionar. Falamos coa ORAL, pero as cousas foros máis lentas do que este equipo de goberno quixera. Cando nos percatamos de que había un problema, a ORAL non estivo á altura. Ofrece un servizo que nos custa 100.000 euros e se hai un problema, hai que solucionalo da maneira más rápida posible e non é culpa de Ribadumia. Lamentablemente iso se alargou e o PP quixo usalo para desgastar a este equipo de goberno. Entendemos que non é maneira de facer política. Este equipo cando o PP estivo gobernando non utilizou elementos negativos.

«Os independentes imos presentarnos ás eleccións, e despois non sei que vai pasar»

David Castro sostén que o tripartito de Ribadumia funciona ben. E que iso salta á vista. «Cando hai un tripartito ou un bipartito se as cosas funcionan, e teñen que funcionar, se ve no día a día. E, cando non, case é mellor deixalo porque ao final non vas dar servizo aos veciños. Cando tomas a decisión de formar un tripartito es consciente de que hai varias sensibilidades. Hai tres forzas, cando unha coa súa sensibilidade, pero o importante é poder crear unha soa, e este equipo de goberno soubo aunar esforzos e redactar un proxecto político para dar un mellor servizo aos veciños deste Concello», argumenta.

-Houbo un momento no que se fixeron públicas algunhas discrepancias entre o tripartito ¿están xas solucionadas?

-Nun momento determinado houbo algún malentendido, pero creo que quedou subsanado. Non todos temos a razón, nin deixamos de tela. Nos sentamos, falamos claramente e todo saímos moi reforzados. O que fixemos os tres grupos foi crear un so proxecto político, que creo que é o más importante. Non hai ningún roce, traballamos moi a gusto e creo que hai futuro. Creo que hai que aprender a gobernar chegando a acordos con outra forzas, porque iso vía axudar a reforzar as políticas.

-Tamén se soa nos últimos tempos que hai un achegamento entre Independentes e o PP, e que vostede podería ser o candidato dos populares.

-Independentes por Ribadumia creo que está a facer un bo traballo e que fixo cambiar a este Concello. Os independentes imos presentarnos ás próximas eleccións, e despois non sei que vai pasar. Non pensamos demasiado niso. Seguiremos traballando na mesma dirección que estamos e con este modelo, e veremos se somos capaces de chegar a todos os veciños. Non pensamos en mais que en rematar a lexislatura e nos presentaremos como independentes, a día de hoxe é o que temos en mente. Pero sobre todo, porque queremos facer os mesmos proxectos e coas mesmas ideas, e para estar en contacto cos veciños.

-¿Que proxectos lle gustaría ver rematados?

-Queremos que todos os veciños poidan ter auga e saneamento. Queremos abrir a rúa do Día, que é un proxecto importante. E estamos traballando nun proxecto para dar seguridade a todo o entorno do colexio, logrando o consenso entre o Umia e a comunidade educativa.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

David Castro: «No problema que houbo cos recibos da auga, a ORAL non estivo á altura»