O Boiro, a casa dos líos que o Arousa aspira a retirar do mercado de luxo

Tres técnicos, impagos, marcha de xogadores, ou reforzos invernais sen debutar debuxan un rival a piques de caer da carreira pola fase


O Arousa ten na súa man deixar este domingo k.o. a un Boiro que se aferra á que, hoxe por hoxe, semella a súa última oportunidade de reengancharse de cheo á pelexa polas prazas de fase de ascenso a Segunda División B. Con 6 puntos de vantaxe chega o cadro local ao derbi da ría no Estadio Municipal da Lomba. Un mundo se o que se ten en conta non é a diferenza entre ambos rivais, senón a que separa a cada un deles do cuarto clasificado, co cadro do Salnés 3 puntos por debaixo do Alondras, polos 9 do inquilino de Barraña.

As tendencias, e a situación interna de ambos equipos e clubs sitúa o equipo que adestra Jorge Otero nunha inmellorable posición para recurtar o listado de adversarios directos no seu obxectivo de que o Arousa volva xogar unha promoción á categoría de bronce 25 anos despois. E é que o Boiro segue a ser, como a tempada anterior na Segunda B, unha auténtica casa dos líos, que o cadro vilagarcián pretende retirar do mercado de luxo da Terceira División.

Despois das rocambolescas xestións da directiva de David Places para evitar o desastre, incapaz de parar o descenso administrativo tras unha longa tempada de incumprimentos salariais ao plantel, unha xunta xestora montou un novo ambicioso proxecto para o retorno exprés á Segunda B, co regreso de José Luis Lemos ao banquiño de Barraña para ledicia dos afeccionados barbanzáns.

Con David Places continuando a mover os fíos do club, o Boiro vivíu os lóxicos inicios difíciles dun plantel practicamente novo, ao que regresaban xogadores do nivel de Jahvé, Reguero ou Herbert. No treito final da primeira volta o equipo comezou carburar, encadeando cinco vitorias e chegando a situarse cuarto entre as xornadas 15 e 16. Pero no derradeiro partido do 2017 todo cambiou.

A inquedanza pola tardanza nos pagamentos das mensualidades, coa pantasma do pufo do club cos xogadores a tempada anterior, instalouse no vestiario de Barraña. Os futbolistas confiaban en cobrar antes da visita ao Ribadumia. E non foi así. Lemos presentou a súa dimisión, desmentindo a versión da xestora dunha saída por acordo entre ambas partes. Diego Abad, Reguero e Vieytes seguiron os pasos do seu xa exadestrador en xaneiro.

Ese mes, o día 12, Javier Falagán collía as rendas do Boiro. Da súa man chegaron ao equipo o porteiro Juan de Castro e mais Guillermo Smirarello, Alberto Liñán, Sandro Fonseca e Andjelo Stevanovic. A xestora despedíu a Falagán en plena comida do plantel horas antes do partido no campo do Barco, o 25 de febreiro, con Places botando a De Castro nesas datas porque non lle gustaba o seu rendemento, e cun inédito Stevanovic volvendo a Serbia por non conseguir o permiso de residencia.

A día de hoxe os xogadores do Boiro inda non estarían ao día no cobro das súas nóminas, a gasolina que leva alimentando desde a visita ao Ribadumia unha crise deportiva traducida en sete derrotas e só tres vitorias nos seus últimos dez partidos. E nestas o Boiro visitará A Lomba, con Víctor Santos como técnico.

O club arlequinado renuncia á Copa

A directiva e o corpo técnico do primeiro plantel do Arousa acordaron na noite de onte non inscribir o conxunto arlequinado na vindeira edición da Copa Deputación, que arrincará o día 28. O presidente do club, Manolo Abalo, explica que a decisión obedece aos curtos planteis de Terceira e de Liga Nacional Xuvenil, co regreso á fase de ascenso como prioridade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Boiro, a casa dos líos que o Arousa aspira a retirar do mercado de luxo