Os terceiras de O Salnés xogarán o sábado para esquivar o entroido

RIBADUMIA

MONICA IRAGO

Céltiga e Ribadumia disputarán o seu derbi no Salvador Otero a partir das 17 horas, e o Arousa recibirá o Silva ás 19.30

06 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os xogadores dos conxuntos arousáns da Terceira División poderán gozar da noite grande do entroido. Que o fagan coa satisfacción do deber cumprido, ou co bo sabor de boca dun resultado felizmente xusto dependerá xa do que fagan e do que aconteza nos seus respectivos encontros sabatinos. Co Céltiga e co Ribadumia acordando trasladar o derbi desta semana no Salvador Otero á xornada do sábado, con hora de inicio as cinco da tarde, e co seu veciño Arousa recibindo dúas horas e media despois o Silva no Estadio da Lomba. Horarios, pois, que lles permitirán aos amantes da categoría acudir aos dous encontros. O Vilalonga, pola súa parte, consultaba na noite de onte a disponibilidade do seu plantel para disputar tamén o mesmo día co resto dos equipos do Salnés o seu encontro a domicilio co Ourense C.F.

 

Sen Sidibé ante un rival directo

Chegados a este punto, e dada a situación de cada un dos catro conxuntos da bisbarra, xa non queda partido intrascendente por diante. Claro que os hai con sumas ou con restas multiplicadas por dous ao termo dos 90 minutos regulamentados máis o tempo engadido. É o caso do duelo do Arousa co Silva. Non en van, trátase do quinto clasificado con 44 puntos, a tan só un do Racing Club Vilalbés, que ocupa a cuarta e última praza con dereito a participar na vindeira fase de ascenso á Segunda División B. A cinco puntos se atopa o cadro vilagarcián do su vindeiro adversario coruñés. Xusto a desvantaxe que o equipo de Jorge Otero mantiña ata o pasado domingo coa zona de promoción, ampliada a media ducia de puntos co seu empate in extremis en Redondela con gol de Sidibé que subía o definitivo 1-1 co Choco.

Jorge Otero non poderá contar esta semana co seu último goleador, que en Redondela vía o quinto cartón amarelo e deberá cumprir o correspondente partido de sanción. Unha circunstancia que lle facilitará o regreso á convocatoria, e ao once titular, a Sergio Santos, ausente no anterior encontro por problemas nos isquiotibiais. Salvo xiro táctico inesperado de Jorge Otero Sergio Santos suplirá a Sidibé, tamén de saída, formando parella no dobre pivote co canteirán Óscar. E é que o adestrador do Arousa hai tempo que non ten moitas alternativas coas que xogar da medular cara a portería propia, logo da incapacidade do club vilagarcián de facer unha soa fichaxe antes do peche do mercado invernal o pasado 31 de xaneiro.

Se importante é o partido co Silva para o Arousa, non menos relevante é o derbi do sábado para un Céltiga e un Ribadumia separados por tan só dous puntos na zona de perigo da clasificación, a prol do conxunto aurinegro. Certo é, con este último máis tocado tras sumar tan só un punto nas últimas catro xornadas, polos seis do cadro illense.

Polo que respecta ao Vilalonga, a directiva estudaba na noite de onte co seu plantel se xogar o sábado a partir das cinco da tarde, ou o domingo desde as doce da mañá o seu choque da xornada 25 co Ourense C.F. Un rival que o dobra en puntos na clasificación, e que xogará coas dimensións do Estadio do Couto como aliado.

César Sánchez, noveno técnico cesado da categoría

Dezasete partidos sen coñecer a vitoria, con tan só catro empates polo camiño, remataron de poñer fin á traxectoria de César Sánchez coma adestrador do Vilalonga. O que fora segundo de Antonio Fernández na brillante tempada pasada do Vilalonga non conseguíu endereitar unha nave que apuntaba de novo a grandes alegrías entre a afección celeste co gran arrinque de Liga do equipo pese á modestia do seu proxecto deportivo.

O director deportivo do Vilalonga, Carlos Lorenzo, declaraba onte que «se llegó a un acuerdo mutuo» tras ter falado ambas partes durante a semana. A versión de César Sánchez difire, ao comentar o técnico que o martes e o mércores da semana pasada falara con xente da directiva e co presidente, trasladándolle a este último que de gañarlle o domingo ao Noia, o pechacancelas, el pretendía seguir á fronte do equipo. «Non foi o resultado -derrota celeste-, estaba claro que eu non ía seguir pasara o que pasara», comenta Sánchez. Con todo, «eu entendo o club», di, subliñando asimesmo que «me vou coa conciencia tranquila, tendo posto todos os meus medios para tentar sacarlle o mellor rendemento posible ao plantel, un grupo humano moi profesional».