Os terceira premen o reinicio para encarar un atípico final de ano

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

MARTINA MISER

A Liga retómase este domingo, para volver parar polo Nadal

13 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Por un lado este parón veunos ben, porque tiñamos xente tocada. Pero polo outro, córtanos o ritmo, Descansar unha semana, competir a seguinte, e volver parar outras dúas». O adestrador do Arousa, Jorge Otero, referíase onte á escaleira de caracol na que avanza a Liga de Terceira División no derradeiro mes do ano. Con tan só dúas xornadas de competición en decembro e separadas entre sí polo intervalo aberto pola disputa da primeira rolda da Copa das Rexións Uefa, que Galicia saldou con éxito. Parón que os catro conxuntos arousáns da Liga aproveitaron para darlles cinco días de descanso aos seus xogadores.

O Arousa pechará o 2017 este domingo no campo do pechacancelas, o Noia. Tras competir na xornada anterior con tan só 14 efectivos do seu plantel, Otero recupera a Sergio Santos, logo de cumprir o seu partido por acumulación de amonestacións, a Fran Matos, con permiso do club no encontro de hai dez días fronte ao Alondras, e a Sylla, o único dos lesionados de volta. Lloves semella tamén en disposición física de reaparecer na convocatoria, pero unha gripe lle impedíu participar o luns no primeiro adestramento arlequinado en seis días. Yerai, Manu e Anxo serán de novo baixas, e o máis probable é que Suso os acompañe, tras non poder reincorporarse o luns ao grupo aqueixado da forte contractura coa que xogou forzando o seu físico co Alondras.

 

Un xuvenil co Vilalonga

Peor con diferenza o ten o técnico do Vilalonga. César Sánchez deberá contar cando menos cun xuvenil para completar a convocatoria celeste ante o Somozas no Novo San Pedro. Sen Gonzalo, que por razóns laborais leva ausente do equipo cousa dun mes, nunha situación que se prolongará a lo menos ata finais do Nadal, Brian segue na enfermería pola escordadura nun nocello sufrida contra o Compostela. César Sánchez reservará ademais a Agus, a quen quere converter na gran fichaxe de inverno do Vilalonga tras semellar finalmente recuperado da rotura de fibras do primeiro encontro de pretempada, da que recaeu dúas veces, podendo competir tan só 10 minutos no que vai de Liga.

 

O Ribadumia, ao completo

Polo que respecta ao Ribadumia, Luis Carro podería ser o único técnico dos catro equipos arousáns da Terceira División en dispoñer de todos os seus homes para o último encontro do ano, no campo do Couto co Ourense C.F. coma rival. Claro que Carro é sobre o papel o adestrador co plantel máis curto, 17 futbolistas con ficha de Terceira, apuntalado con catro do filial de Terceira Autonómica. Josiño, cunha contractura nos isquiotibiais en franca mellora, supoñía onte a única inquedanza nas filas aurinegras.

Carlos Besada abandona o Céltiga

Ribadumia, Vilalonga e Céltiga viron pasar a semana do parón sen atopar ningún dos reforzos que anhelan. De feito, a única novidade no mercado é a saída de Carlos Besada do vestiario do Salvador Otero. Como un ano atrás cando marchara do Arousa ao Unión Grove, o central de Portonovo pedíulle ao club illense a baixa na procura de máis minutos, tras coñecer de Manolo Núñez que no Céltiga non ía ter cancha. Co visto bo do club, o Xuventú Sanxenxo ou o regreso ao Grove eran onte as opcións que barallaba o xogador.

Sen os lesionados Tato nin Marcos, e con Uru sendo seria dúbida pola escordadura de nocello que arrastra desde o choque co Arousa, Manolo Núñez podería ter un problema se a Real Federación Española de Fútbol continúa sen resolver a tramitación das fichas dos seus reforzos foráneos, o luso Manú e o inglés Phillip.