O Juventud Cambados xa comeza soñar co regreso á Preferente

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

CEDIDA

O sétimo triunfo en oito partidos invicto sitúa o cadro de Burgáns líder da Primeira Galicia. Un plantel de luxo e un fútbol atractivo están a premiar o labor da directiva

30 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Non o marcamos como unha obriga, pero si nos ilusiona. Sería o cumio ao traballo realizado durante estes tres anos. Non imos renunciar a nada». O presidente do Club Juventud Cambados, Matías Fontán, fala claro. Faino despois de que tras nove xornadas case inmaculadas, o plantel adestrado por Róber Fuentes se situase o pasado domingo líder do Grupo 5 da Primeira Galicia con 29 puntos de 39 posibles. O regreso de Burgáns á colección de prazas da Preferente Autonómica sete tempadas despois comeza a divisarse na familia da entidade cambadesa, cuxa actual directiva leva tres anos pelexando por recuperar o terreo perdido baixo o peso do lastre dunha débeda que chegou a acadar os 25.000 euros.

A liquidación da gravosa herdanza económica no anterior exercicio permitíulle ao grupo xestor encabezado por Fontán, na súa maioría homes que aprenderon a amar o fútbol na canteira azul e amarela, dar un paso máis. Reforzando o sólido plantel reunido por Luis Carro para o ascenso de Segunda a Primeira Galicia, na estrea da presente directiva, e co que xa se coqueteara co ascenso á Preferente no seguinte curso, o 2016/17.

Pescado Luis Carro polo Ribadumia para o seu equipo de Terceira, o grupo de Fontán apostou por Róber Fuentes como novo técnico á fronte dun proxecto que, liberado da débeda, incorporaba un salto de calidade. «Quixemos demostrar que o Juventud Cambados é un club serio. Lavar a imaxe dos últimos anos. E conseguimos que xogadores coma Machu (Céltiga), Chiño ou Manu Nieto (Cordeiro) aceptaran vir xogar connosco». Tres veteráns que encabezan unha nómina de reforzos de luxo nas que aparecen tamén Lucas Gallego e Ander (Ribadumia), ou Marcos Blanco (Portonovo). «Reunimos un plantel de 21 xogadores de moi bo nivel, algo moi difícil de conseguir na Primeira Galicia», subliña. E con eles o Juventud Cambados practica un fútbol combinativo e ofensivo, cun 4-4-2 co que obtén o ataque máis produtivo da Liga xunto co do Portonovo, 27 goles, e presenta con diferenza a mellor defensa do campionato, só 8 tantos encaixados.

Con esta imaxe e estes números «estamos a enganchar a xente a Burgáns cada quince días, unha das cousas das que estamos máis contentos», comenta o presidente do Juventud, que cifra nuns 250 afeccionados a asistencia media por partido do seu primeiro equipo. Un respado que, cre Fontán, inda pode mellorar.

Un club orgulloso da súa canteira, cunha metodoloxía avalada pola Fundación Celta

A recuperación do primeiro plantel é sen dúbida unha das maiores preocupacións, e ilusións, da directiva de Matías Fontán. Pero entre os motivos de orgullo do presidente da entidade de Burgáns salienta tamén a posta en marcha a tempada pasada dun plantel feminino sénior, e a recuperación da canteira. «Contamos con trece equipos de fútbol base con 250 licenzas, que sumadas ás dos planteis séniores e os biberóns superan as 300. Cando collemos o club na canteira había 150 rapaces», salientaba onte o primeiro directivo do Juventud.

Nese labor de potenciación da base os responsables do club teñen outro motivo de satisfacción no convenio que mantén o C.J. Cambados coa Fundación Celta de Vigo. Un acordo asinado no primeiro ano do mandado de Matías Fontán coma presidente, e que lles permite aos rapaces da base arousá traballar cada semana con técnicos da base celeste supervisando a metodoloxía dos adestramentos e a evolución dos canteiráns.

O esforzo e a seriedade do equipo xestor de Matías Fontán están, sinala o presidente, a ser recoñecidos polos seus veciños: «Tanto a nivel institucional como empresarial Cambados está a apoiar hoxe o Club Juventud Cambados». Con ese respaldo «estamos a traballar para devolver o club onde o viamos de pequenos», a Terceira.