A Federación Galega premia a unha ducia de padexeiros e clubs arousáns

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

CEDIDA

Camila Morison (Mellor Sub-23), Carla Frieiro (Mellor Xuvenil) e o Breogán encabezan a presenza local no listado de galardóns que serán entregados en Ribadumia na gala do 16 de decembro

17 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Federación Galega de Piragüismo presentou onte no consistorio de Ribadumia a Gala do Piragüismo Galego 2017. Unha cita que se celebrará na mañá do sábado 16 de decembro no auditorio da localidade do Salnés, e cuxo principal atractivo será, como é tradición, a entrega dos galardóns cos que a Fegapi recoñece os mellores deportistas, adestradores, clubs e demais persoas e entidades que destacaron ao logo da última tempada no deporte da pa. Uns galardóns que onte se desvelaron con nomes e apelidos, nun listado inusualmente extenso. A razón, explicou o presidente da Federación Galega, o grovense Fredi Bea, a necesidade de facerlle xustiza ao extraordinario ano de éxitos colleitado polo piragüismo galaico. Cunha ducia de padexeiros e de clubs arousáns e seis da capital do Lérez figuran entre os 28 premios e accésits concedidos, salientando o acaparamento das distincións individuais femininas polas padexeiras de ambos puntos.

Teresa Portela (Ría de Aldán), canguesa afincada no Grove, recollerá o premio á mellor deportista feminina sénior polo seu triunfo na Final B do K-1 200 do último Mundial de Pista. Galardón que na categoría masculina foi parar a Rodrigo Germade (Ría de Betanzos), campión no K-2 500 e subcampión no K-4 500 do Mundo, e a Cristian Toro (Fluvial de Lugo), subcampión mundial de K-2 200 e do K-4 500.

Camila Aldana Morison, do Náutico Pontecesures, consolídase como unha das protagonistas habituais da Gala do Piragüismo Galego, mellor deportista feminina Sub-23 do 2017 polo seu subcampionato do Mundo da categoría no K-2 500. Outra prata mundialista, no K-4 500 Xuvenil, fará subir a catoirense Carla Frieiro (As Torres-Romaría Vikinga) ao estrado do Auditorio de Ribadumia no prazo dun mes xunto coa súa compañeira de barco Carolina García (Escuela Piragüismo Ciudad de Pontevedra).

O piragüismo arousán e pontevedrés tamén comparten laureis autonómicos no accésit á mellor deportista feminina xuvenil, que levaron as subcampioas do Mundo no C-2 200 María Pérez (Náutico O Muíño) e Antía Jácome (E.P.C. Pontevedra), e no Premio Especial Xunta Directiva, concedido á media ducia de canoístas galegos que se colgaron medalla no Europeo e no Mundial de Maratón: Tono Campos e José M. Sánchez (Breogán do Grove), o illense Ramón Ferro (Kayak Tudense), os pontevedreses Óscar Graña (K. Tudense) e Jénifer Casal, e o tudense Manuel Garrido. Manuel Fontán (N. O Muíño) e Noel Domínguez (Breogán) comparten á súa vez o accésit ao mellor deportista masculino xuvenil con David Barreiro, co compañeiro deste no Rodeira Pablo Graña levándose o galardón da categoría. Miguel A. Villanueva (E.P.C. Pontevedra) foi considerado o mellor adestrador á par do equipo técnico do Kayak Tudense.

Por clubs, o Breogán do Grove recollerá en Ribadumia o premio ao mellor equipo a nivel nacional feminino como campión da Liga Nacional Olímpica de Esprint e da Copa da S.M. a Raíña, cas Torres levándose un accésit por rematar terceiro na Liga Nacional Feminina, sendo o Kayak Tudense o mellor equipo masculino a nivel nacional absoluto. Ao mesmo nivel, pero en promoción, a E.P.C. Pontevedra fíxose co galardón como campión da Liga Nacional de Jóvenes Promesas, con accésit para o Náutico Pontecesures polo seu subcampionato nesta última.

 

Distinción á Deputación

Na longa lista de premiados figura tamén a Deputación de Pontevedra, que como a de Lugo será distinguida como mellor colaborador institucional. A Suso Morlán e José Antonio Fernández Mus imporáselles a insignia de ouro da Federación Galega.