Vieira de Prata ao ensino do galego durante máis de quince anos en Uruguai

Ángela Precedo / B. C. RIBADUMIA / LA VOZ

RIBADUMIA

Mónica Irago

A mestra de Ribadumia Élida Abal recibe o recoñecemento tras ter colaborado co Padroado da Cultura Galega

25 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia e América Latina sempre estiveron vinculadas aínda estando separadas polo grande océano Atlántico. A mestizaxe deixouse sentir nos fillos dos numerosos inmigrantes galegos que durante a Guerra Civil e a ditadura franquista se refuxiaron en países como Arxentina, Cuba, México ou Venezuela. O curioso é que, entrado o século XXI, cunha situación económica deficiente no continente americano, aínda existisen galegos que apostasen por desenvolver o seu traballo alá, fronte aos que retornaban.

Elida Abal Santórum foi unha desas poucas galegas que decidiu dar un xiro de cento oitenta graos á súa vida e probar sorte nun país como Uruguai, alá polo ano 2000. «Funme grazas a un convenio coa Xunta, tras rematar os meus estudos de Filoloxía Galega e Románica, con apenas 26 anos», explica Elida. O destino para impartir as súas clases foi a Universidad de la República, concretamente na Facultad de Humanidades, Literatura y Cultura Gallega. «Ademais tamén incluía a participación en cursos na Casa de Galicia de Montevideo, tanto de iniciación como de perfeccionamento do galego», todo iso acompañado por un programa de «clases de literatura para un grupo de xente, máis numeroso do que se esperaba, que se interesaba por estar ao tanto das cousas que sucedían ao outro lado do mar».

Agora, aos seus 40 anos, xa instalada definitivamente en Galicia, en Ribadumia, a súa vila natal, comeza a recordar os seus anos no estranxeiro, nun país que a conformou como persoa e a fixo crecer como galega estando tan lonxe da súa terra. «Marchei no 2002 e os motivos principias foron o non ter un traballo estable aquí e que moitos dos meus compañeiros de facultade tamén se ían a países como Portugal, Alemaña ou Francia», explica a mestra. A situación económica era complicada, o país acababa de vivir un corralito e a maior parte da poboación estaba en paro. «Funme coa seguridade de que ía cobrar, o soldo pagábamo a universidade e a Xunta dende aquí», afirma.

Os comezos sempre son duros, e más cando se teñen que dar a 12.000 quilómetros de distancia. «Paseino moi mal un tempo; tes que marchar da túa casa tan lonxe sen saber moi ben cando vas volver, téndoo todo moi planeado con tempo», recorda nostálxica a galega. O máis complicado, como de costume, «é separarse da familia, dos amigos e coñecidos». Era un tempo no que as comunicacións e a telefonía móbil aínda non estaban moi avanzadas. «Hoxe temos WhatsApp, Skype... É moi fácil; daquela non podía nin chamar por teléfono». Sen embargo, a medida que foi coñecendo xente, «xa non quería volver e prolonguei a miña estancia alá todo o que puiden, os cinco anos que marcaba como máximo o convenio».

En todo ese período, entre o 2002 e o 2007, diversas actividades levárona a ser enormemente coñecida e querida polos exiliados galegos e por a xente de Montevideo. «Ademais de dar clases de literatura, sempre colaborei na celebración de festividades típicas como o Día das Letras Galegas, o Día da Poesía en Galego... Gustábame narrar a vida dos nosos escritores», recorda. Por se non fose suficiente, «colaboraba nun programa de radio de música en galego, a emisión máis antiga en vixencia, activa dende 1950, chamado Sempre en Galicia e fundado por emigrantes exiliados que fuxiron de Galicia e tiñan morriña da terra».

Toda esta intensa actividade de difusión cultural por parte de Elidia non pasou desapercibida. Uruguai é un país moi agradecido coa inmigración en xeral e coa inmigración galega en particular, motivo polo que a mestra sempre foi moi ben acollida entre as xentes de Montevideo, sendo considerada unha verdadeira amiga da cidade. Por iso, agora, dez anos despois, o padroado quere seguir contando coa súa inestimable colaboración e homenaxéaa coa Vieira de Prata do Padroado da Cultura Galega, «o maior recoñecemento de calquera galego traballando pola difusión da cultura galega no estranxeiro», en palabras da propia Elida. Recoñecemento que recibiron personaxes da talla de Luís Seoane ou Manuel Rivas. E é que a actividade dos galegos polo mundo deixa pegada e debe darse a coñecer entre as nosas xentes.

«Paseino moi mal, tes que marchar da túa casa tan lonxe sen saber seguro cando vas volver»

«Marchei por non ter un traballo estable e porque se ían os meus compañeiros»

«Funme coa seguridade de que ía cobrar, porque o soldo pagábanmo dende aquí»