Anxo, primeira fichaxe dun Arousa que aposta por ter tres porteiros

Aarón sobe do plantel xuvenil para competir con Pazos e co onte renovado Lloves


vilagarcía / la voz

A confección do segundo proxecto de Jorge Otero á fronte do banquiño da Lomba avanza a gran velocidade. Coa comisión deportiva do Arousa anunciando onte no mesmo comunicado o primeiro reforzo do Arousa 2017/18, tres renovacións, e a incorporación ao primeiro plantel de catro canteiráns arlequinados. Unha operación cunha segunda lectura, a aposta dos responsables do deseño do equipo de Terceira División por un vestiario con tres porteiros, inda co 22 manténdose coma número límite de fichas na vindeira liga da categoría.

Juan Ángel Vidal Pérez, Anxo (Ribeira, 10 de Abril de 1988) pasou nun ano de ser presentado como un dos refozos estrela do C.D. Ribadumia, a converterse no primeiro xogador chamado a cubrir os défices detectados por Jorge Otero no equipo co que levou o Arousa a soñar por primeira vez en 24 anos coa posibilidade, finalmente esvaecida, de disputar a fase de ascenso a Segunda B. Tras o seu paso polo Atlético Ribeira, Boiro, Vilalonga, Cerceda, e de novo o Boiro, Anxo contribuíu ao último retorno do Pontevedra á Segunda B. O seu rol secundario na categoría de bronce facilitoulle ao C.D. Ribadumia a súa fichaxe, marcando a tempada pasada 5 goles nos seus 2.322 minutos de xogo na Liga de Terceira.

Xogador de banda esquerda e corte ofensivo, Anxo foi incorporado polo Arousa con vistas a ser aproveitado tamén como lateral con vocación atacante, exprimindo a súa calidade para o centro, para o desborde e para o disparo, explicaba onte o voceiro da comisión deportiva, Eduardo Carregal.

Anxo convértese en novo compañeiro, entre outros, de Rivas, de Sylla e de Sergio Lloves, cuxas renovacións se confirmaban na mañá de onte. Os dous primeiros, os máximos goleadores do Arousa na última tempada con 6 e con 10 goles cada un. O último, un dos tres porteiros cos que contará a vindeira versión do Arousa, confirmada uns días atrás a continuidade de Roberto Pazos, e anunciada onte a inclusión de Aarón Santamaría no grupo de catro xuvenís recén licenciados que darán o salto desde a canteira do Arousa ao seu primeiro plantel. Unha aposta, a dos tres porteiros, que non se vía no vestiario da Lomba desde hai dúas tempadas. Só que daquela fora unha situación nacida da necesidade, pola lesión de Jorge Pérez que durante dous meses fixo coincidir no conxunto vilagarcián o excapitán arlequinado, a Lucas e a Javi Sánchez. Este último, abandonando o club pola porta de atrás tras a recuperación de Jorge Pérez.

Xunto a Aarón soben do cadro de Liga Nacional Xuvenil o lateral destro José María Pérez-Batallón, capitán do equipo canteirán, e Nacho Álvarez, que pode xogar de central ou de mediocentro. Ambos, con experiencia no Arousa de Jorge Otero na pasada edición da Copa Federación. Un torneo que non disputou o dianteiro José Piñeiro. O novo valor da base arlequinada, que tras deixar grandes notas de calidade nos seus 151 escasos minutos no treito final da tempada 2015/16 da Liga de Terceira, con dous goles, evolucionou esta tempada no equipo de División de Honra Xuvenil do Santiago de Compostela, e nun Boiro ao que axudou a ascender á Liga Nacional en media ducia escasa de encontros.

Óscar e Sergio Santos, lonxe

Cos oito nomes anunciados onte o Arousa multiplicou por dous os seus efectivos, renovados con anterioridade Pazos, Fran Matos, Vitra, Suso, Sidibé, Manu Justo, Julio Rey e Eloy. Aitor Díaz podería ser o próximo en dar o si. Máis complicado semellan os casos de Fran Monroy, pero sobre todo os de Óscar e de Sergio Santos, con multitude de noivas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Anxo, primeira fichaxe dun Arousa que aposta por ter tres porteiros