«Temos que tentar reducir gastos, as renovacións serán á baixa»

RIBADUMIA

MARTINA MISER

Serantes pretende zanxar o nome do adestrador en cuestión de horas, e quere un equipo co que se identifique todo o club

30 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xogador durante unha década do C.D. Ribadumia, co que vivíu os seus dous primeiros ascensos á Segunda e á Primeira Rexional no centro do campo, de estirpe de directivos, Toño Serantes (23 de Xaneiro de 1964) asumíu o domingo a presidencia do club tras 2 anos coma vogal responsable da canteira. Un labor este último que adianta non abandonará. Con todo, o maior reto deste médico especialista en dixestivo do Hospital do Salnés será regularizar o tránsito instestinal da enchenta que catro anos atrás se deu a entidade co seu histórico salto á Terceira.

-A súa familia é unha institución no club...

-Meu pai Isidoro foi un dos fundadores. Despois de botar moitos anos como socio número 3 ou 4, polo pasamento dos predecesores, levará uns dez anos de socio número 1. Meu tío Ramón Serantes é o número 2. Os dous estiveron moitos anos na directiva. Meu pai foi vicepresidente nalgunha época. Un curmán meu, Francisco Javier Martínez Serantes, foi presidente dous anos. Meus dous irmáns e varios curmáns xogaron no Ribadumia.

-Non habería pois que convencelo para poñerse á fronte do club...

-Je... Foi un cúmulo de circunstancias. Sempre fun un pouco remiso. O que entra comigo de vicepresidente, que non era directivo, Félix Pérez, cun neno no xuvenil e sendo de Vilagarcía díxome ‘teste que presentar, senón isto desmóntase, eu non podo porque non teño antigüidade para ser presidente’. Un club de Terceira ten que xerar uns ingresos por riba dos 100.000 euros, e nun pobo de 5.000 habitantes supón un traballo ímprobo. Félix vén do mundo empresarial, e quitoume o medo. Custa atopar cada ano unha persoa que se poña á fronte. E tocoume a min. Alberto presentou a súa demisión aos 2 anos. ¿Canto botarei eu? Cada ano é revisable.

-Falando do seu predecesor, Alberto Vázquez subliñou que eran precisos dous grandes cambios para que o C.D. Ribadumia poida continuar na Terceira: Unha directiva moito máis ampla e implicada, e maior apoio económico das institucións públicas. ¿Coincide na diagnose?

-Si. Realmente o cabalo de batalla cada ano é xerar os recursos suficientes para un plantel semiprofesional. Tentaremos rodearnos dun grupo de xente suficientemente amplo, de 15-20 persoas, para poder traballar en diferentes esferas, e poder chamar a cantas máis portas mellor. Hoxe en día, coa crise, non podes pensar en que as empresas che dean grandes cantidades. En vez de ter unha empresa que nos dea moito, conseguir varias que solten algo.

-¿David Sierra dirixirá o C.D. Ribadumia por terceira tempada?

-Esta noite -por onte- constituímos a nova directiva, e valoraremos. E mañá -por hoxe- chamaremos a David Sierra. Eu estou contento co traballo que veu facendo. Pero vai ser unha decisión dunha comisión deportiva, que se vai constituír pola desconexión que sentiamos entre o equipo de Terceira e os das categorías base. Os rapaces sentían como algo alleo o equipo de Terceira. Imos tratar de que todos no club se sintan identificados co primeiro equipo. O adestrador ten que quedar zanxado entre hoxe e mañá. O tempo apremia na confección do plantel. Temos que tentar reducir o orzamento respecto aos anos anteriores. As renovacións serán á baixa.

-E con tres veciños na categoría, e sen Changui...

-Si. Á hora de buscar xogadores pode haber unha pequena competencia. Pero nós encantados de que o Céltiga continúe na Terceira. Parabéns. Respecto a Changui, esta nova directiva nin chegamos contactar, porque el xa se pronunciou na súa conta de Twitter.