Manu Táboas e Hugo elevan a catro o número de xogadores do C.D. Ribadumia

Vilagarcía / La Voz

RIBADUMIA

O club dálle ao plantel ata final de semana para contestarlle as súas ofertas de renovación

07 jun 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

Mentres o veciño Arousa presentaba onte inda o seu novo adestrador, Jorge Otero, o C.D. Ribadumia ampliaba a catro o número de futbolistas confirmados no que será o segundo proxecto deportivo co pontevedrés David Sierra á fronte do banquiño da Senra. Tras anunciar a semana pasada as renovacións do pichichi da Terceira as dúas últimas tempadas, o boirense Changui, e do central padronés Miguel Vázquez, a directiva aurinegra comunicou onte a continuidade unha tempada máis de Manu Táboas e de Hugo Jiménez.

O primeiro chegaba a comezos de xullo do 2015 ao vestiario ribadumiense con 24 anos procedente do Alondras, no que comezara titular para rematar alternando a súa presenza na portería con Martín. Formado na canteira do Celta, Manu Táboas militou no filial celeste na Segunda B, á que contribuíu a ascender o hoxe desaparecido Ourense. Na Senra consolidouse coma titular indiscutible por diante dun porteiro do nivel de Javi Sánchez tras a volta deste ao equipo na segunda volta.

Hugo Jiménez, pola súa banda, foi unha das grandes sorpresas do C.D. Ribadumia o pasado verán. Con 27 anos asinaba tras saír dun Xuventú Sanxenxo co que acababa de debutar na Terceira División, dotando o plantel de Sierra dun extremo dereito moi móbil e con capacidade para facer dano na área rival.

Ultimátum ao plantel

Os plans da directiva do C.D. Ribadumia pasan por pechar esta semana os capítulos de renovacións e de baixas, unha vez finalice o prazo que lles deu aos xogadores para respostarlle ao club.