O porteiro Rodrigo, salvador do Boiro, terceira fichaxe do plantel aurinegro

La Voz

RIBADUMIA

25 jun 2015 . Actualizado a las 05:05 h.

Rodrigo Iglesias Mosquera (Bertamiráns, Ames, 18 de febreiro de 1994) é a terceira fichaxe do C.D. Ribadumia 2015/16. Unha incorporación que vén a encher a primeira das dúas prazas de porteiro do plantel aurinegro cun futbolista Sub-23 que se destapou no treito final da pasada Liga de Terceira División como home clave na salvación do Boiro.

Logo de permanecer á sombra do afamado Lorenzo durante as primeiras 31 xornadas do campionato, relegado ao once na Copa Federación, o desde onte novo gardamallas do C.D. Ribadumia aproveitou a oportunidade que lle concedeu Rubén, o terceiro técnico do club barbanzán, nun treito final no que o Boiro se xogou o tipo logo de iniciar o campionato co cartel de candidato a repetir na fase de ascenso á Segunda División B. Pese a debutar encaixando catro tantos, con derrota do seu equipo 4-2 no campo do seu ex club, o Deportivo B, Rodrigo voltou recibir á semana seguinte a confianza do seu adestrador na visita do Ribadumia a Barraña, con 2-0 no marcador final. Foi a primeira das seis vitorias encadeadas polo Boiro, co de Bertamiráns encaixando tan só catro tantos mentres Lorenzo, ex porteiro do Pontevedra e do Compostela, seguía as súas actuacións desde o banquiño.

Rodrigo Iglesias comentaba onte que «deportivamente a do Ribadumia era a mellor opción» entre as varias que manexaba para xogar na Terceira e na Preferente. Entre elas, unha para renovar co Boiro, o seu único equipo á marxe do Villestro e do Deportivo da Coruña, club este último no que entrou como alevín de segundo ano e no que foi segundo porteiro do Fabril na tempada 2013/14 no seu primeiro exercicio sénior ata que no Nadal, canso de non dispoñer de minutos, pedíu a baixa. Concedida a dous días do peche do mercado invernal, non atopou equipo, adestrándose co Negreira e co Boiro, fichando neste o pasado verán.

«Son da vella escola. Rápido, áxil baixo paos, e frouxeo un pouco cos pés, cousa que teño que mellorar». Así se autodefine Rodrigo, que chega ao Ribadumia co compromiso do club dunha portería sen titular predefinido.