«Podemos debe preocuparlle a PSOE, BNG e IU, nós temos unha liña clara»

manuel blanco

RIBADUMIA

Asegura que o PP é o «único partido que se presenta para gañar as eleccións» municipais

08 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Rafael Louzán Abal (Ribadumia, 1967) móstrase máis optimista do que cabe esperar. Nas municipais de hai catro anos, o seu partido foi a lista máis votada en todos os concellos da provincia. Hoxe, o PP ten 48 alcaldías, un reto que o presidente da Deputación di que están en disposición de repetir porque o seu partido, sostén, fixo os deberes nestes catro anos. Asegura que Podemos e as mareas que se están a conformar por toda Galicia non son outra cousa que unha cerimonia da confusión e non cre que os casos de corrupción que teñen salpicado á súa formación vaian danar as expectativas electorais dos seus. ¿O seu reto inmediato? Seguir á fronte da Deputación.

 

-Preséntanse revoltas as municipais de maio...

-Non creo. O que se presentan é cun escenario distinto a outras municipais. O PP está preparando todo para que poidamos manter ese máximo histórico na provincia, 48 dúas alcaldías de 62. É un reto difícil, pero o partido está en condicións de repetilo porque atopamos un rumbo de goberno e as medidas que tomamos nestes tres anos serviron para empezar a ver a luz ao final do túnel.

 

-¿Realmente é posible repetir ese teito incluso nun contexto como o actual?

-É posible porque somos o único partido que pode garantir a estabilidade e a confianza. Ningún outro partido é capaz diso. Somos os únicos que nos presentamos para gañar as eleccións. O resto se presentan para ver si xuntos, despois de que voten os cidadáns, poden chegar á alcaldía. ¿Un exemplo? Pontevedra. É evidente que os socios de goberno non se entenderon nunca; só os une unha nómina, poder manter unha nómina. O mesmo exemplo temos en Vigo, onde unha minoría, o BNG, entregou a alcaldía ao PSOE para abandonalos oito meses despois.

 

-Din de vostede que ten boa man para as predicións electorais. ¿Manterá o PP a Deputación?

-Si claro. ¿Podemos alcanzar esas 48 alcaldías? Estou convencido de que si, e asumo que o PP puido sufrir algún desgaste porque tivemos que tomar medidas moi drásticas e impopulares, pero aínda así creo que o imos conseguir. ¿A Deputación? Estou plenamente convencido de que si. Hai un ano, nas europeas non obtivemos o resultado que queriamos, pero incluso así conseguimos unha maioría.

 

-Podemos e as mareas ameazan aos partidos maioritarios, aínda que nas municipais non está claro que vaian presentar moitas candidaturas. ¿Teme que esta nova opción política erosione os seus resultados electorais?

-Creo que se está xerando un pouco de confusión con estas formacións, porque non saben ben o que queren. E con iso están alimentando a confusión. Non se trata de que iso poida favorecer os intereses do PP, pero esa falta de claridade lles prexudica. Esa opción debe preocuparlle claramente a PSOE, BNG e IU, pero nós temos moi clara a nosa liña de traballo e creo que a confluencia de vehículos, por dicilo dun xeito coloquial, concéntrase pola esquerda.

 

-Hai unha semana, o presidente Feijoo anunciaba que Elena Muñoz será a candidata do PP en Vigo. ¿Cal é a súa opinión sobre esta aposta? ¿A quen prefería, á conselleira ou a José Manuel Figueroa, que é vicepresidente con vostede na Deputación?

-A Elena Muñoz, e o digo con maiúsculas. ¿Por qué? Pois porque entendemos que é a persoa que trae frescura ao PP de Vigo. E das veces que puiden estar con ela, que foron bastantes, sempre me sorprendeu gratamente pola súa proximidade, polo seu discurso... Espero que sexa quen de lograr un resultado que é moi importante para nós. Pero igual que digo isto sobre Elena, digo tamén que a nobreza coa cal actuou José Manuel Figueroa demostra ben ás claras que este partido está formado por persoas dunha calidade humana extraordinaria. Chema Figueroa leva máis de trinta anos neste partido, lle tocou sempre un papel difícil, que era o de asumir o barco cando alguén recibía outras responsabilidades, e por iso a el se lle deberán atribuír os éxitos que alcancemos no futuro. Neste tempo, fixo en Vigo un traballo serio e rigoroso ante unha persoa, o alcalde actual, que lle está a facer moito dano á cidade de Vigo. Caballero non foi quen de reunirse nin unha soa vez cos alcaldes do seu arredor. Este señor é un separatista que o único que quere é o enfrontamento permanente pensando que iso lle da rédito electoral.

 

-Vostede mantén unha relación institucional de cordialidade e colaboración co alcalde de Pontevedra que contrasta coa que mantén co de Vigo. ¿Por que?

-Porque eu creo que hai persoas e políticos. E no caso do alcalde de Vigo, non hai nin persoa nin político. Caballero non é querido nin entre os seus.

 

-No caso de Pontevedra, PP e BNG embarcáronse xuntos nun proxecto polémico como é a planta de compostaxe, que incluso recibiu críticas por parte de rexedores do seu partido.

-Ese é un proxecto de futuro. O que ocorre é que a incoherencia destes partidos de esquerdas o dificulta todo. O PSOE leva no seu decálogo en outros puntos de España plantas de compostaxe coma esta, pero aquí en Pontevedra boicotean dun xeito miserable a iniciativa. Enfróntanse ao seu socio de goberno para ver si diso saca rédito político. O problema é que o PSOE, e tamén o BNG, utilizan este tipo de cousas para sacar tallada. Válelles todo, pasou coa empacadora de Vilaboa, con tal de apañar votos, aínda que con iso caian na incoherencia total.

 

-Polo que respecta a xestión na Deputación nestes catro anos. ¿Está satisfeito co balance do que tiveron executado?

-Moi satisfeito, con cousas claro que aínda quedan por rematar. Fomos o gran auxilio dos concellos nestes anos. Incluso en Pontevedra somos un referente porque acometemos inversións históricas. Todo aquilo que foi incapaz de facer o goberno local o fixo a Deputación: a ponte de Monte Porreiro, a mellora de instalacións deportivas e culturais, a circunvalación...

 

-Fixo unha aposta moi forte polo emprego nestes catro anos.

-Sen dúbida. Esa era a aposta que había que facer. Deixar outras cousas e pensar nas persoas. O resultado desa política é extraordinario. Foi unha idea que naceu aquí, na propia Deputación, a puxemos en marcha e estamos contentos de que preto de 10.000 persoas tiveran unha oportunidade laboral nestes catro anos grazas ao traballo desta casa. Estes días estou recibindo a satisfacción de que moitos deses traballadores que tiveron un contrato dun ano nas empresas financiado pola Deputación vanse quedar nesas empresas, que era o obxectivo último que queríamos. Algúns destes rapaces que quedaron na provincia grazas a este programa tiñan pensado marchar a outros países de Europa por falta de oportunidades.