O Tanatorio Ágora Pontecesures ofrece un acto de portas abertas e abrirá mañá
PONTECESURES
A creación do centro é froito dun investimento de setecentos mil euros
13 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Pontecesures intégrase hoxe na lista de concellos da contorna con servizo de tanatorio. Ás 19.00 horas, a un paso da rotonda da sala de festas Chanteclair, Tanatorio Ágora Pontecesures celebra a súa inauguración. Faino cun acto social de portas abertas na véspera do inicio da súa actividade, con asistencia prevista da alcaldesa da localidade, Maite Tocino, e con picoteo para quen queira achegarse a coñecer as instalacións levantadas polo propietario da empresa, Víctor Iglesias.
Esta última frase é literal. Iglesias, cuarta xeración do negocio familiar e dono da empresa Ágora Servicios Funerarios, con tanatorios nos concellos coruñeses de Val do Dubra e Outes, fixo boa parte das obras de reforma da nave na que atopou o local idóneo para o terceiro establecemento da súa sociedade funeraria.
Tres salas e un salón de actos
Con 650 metros cadrados de superficie interior, o Tanatorio Ágora Pontecesures dispón de tres salas de velación, con estancias privadas para as familias dos defuntos, e dun salón de eventos pensado tanto para a celebración de funerais relixiosos coma civís. No exterior, conta cun aparcadoiro propio para 300 prazas, asegurando deste xeito a comodidade das familias, dos amigos e dos demais achegados que queiran acompañar e renderlles os seus respectos aos finados antes da súa inhumación.
A apertura do tanatorio cesureño é froito de ano e medio de obras e dun investimento de preto de 700.000 euros, informa o propietario de Ágora Servicios Funerarios. Unha partida que superou os 560.000 euros previstos inicialmente, noutro exemplo do continuo encarecemento dos materiais de construción nestes últimos catro anos. O novo tanatorio comezará a prestar os seus servizos a partir de mañá.