Rescatan unha camada de cans nun colector do lixo en Pontecesures

La Voz PONTECESURES

PONTECESURES

cedida

A CAAN de Pontevedra recuperou nos últimos días outros cachorros abandoados en Lalín

15 ene 2022 . Actualizado a las 14:13 h.

O Centro de Acollida de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra rescatou nestes primeiros días do ano a dúas camadas de oito cachorros que foron arroxados a dous colectores do lixo nos núcleos urbanos en Lalín e Pontecesures. Aínda que un deles faleceu ao chegar ao centro, os outros sete, con apenas horas de vida no caso da vila do Deza e escasos días no de Pontecesures, estanse a recuperar no centro con sede na Armenteira (Meis).

A primeira das camadas apareceu nunha caixa dentro dun colector en Lalín o 1 de xaneiro, na rúa Principal. Eran dúas femias, Alicia e Ana, e dous machos, Leo e León o cal faleceu polo delicado estado de saúde en que se atopaba. Posteriormente, o día 12 de xaneiro persoal do centro da Deputación rescatou outra camada, cunha femia, Sala, e tres machos, Yogui, Cibrán e Xenaro, tamén nun colector na rúa Víctor García de Pontecesures. O aviso o deu unha muller que viu como paraba un coche preto do lugar e tras escoitar un ruído, acercouse ao colector e veu os cans. Estaban tamén nunha caixa. Neste caso, os cachorros, que teñen días, están de momento en boas condicións e están sendo atendidos nas mesmas dependencias de maternidade, renovadas no ano 2020, do CAAN, segundo informa a Deputación de Pontevedra.

De seguir a evolución favorable, os cachorros pasarán no centro ao menos tres meses ata completar as pautas de vacinación antes de saír en adopción. As adopcións no CAAN son gratuítas e o persoal asesora ás persoas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Para visitar o centro ou para formalizar as adopcións hai que solicitar cita previa no teléfono 986 140 360 ou no 886 217 391.

Estes casos de abandono contrastan coas boas cifras de adopcións que xa se están a acadar no CAAN neste primeiro mes do ano, e que continúan a racha do centro. Así, desde o pasado 1 de xaneiro son xa 25 os animais que atoparon un novo fogar.