Máis de medio milleiro de inscritos na Carreira Popular de Pontecesures de mañá

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTECESURES

oscarVíFER

Unha trintena de persoas velarán polo protocolo da proba

15 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os amantes do atletismo urbano poderán gozar mañá dunha das contadas probas que se están a colar entre as sucesivas vagadas do covid-19. A Carreira Popular de Pontecesures Run For Them verá este domingo a máis de medio milleiro de deportistas nas súas sete saídas. De confirmar finalmente a súa presenza, falamos concretamente de 562 corredores, arredor do 60 %, das categorías júnior, sénior e máster A e B, con opción de cubrir 4 ou 8 quilómetros de proba.

Estes son os datos tras o peche do prazo de inscrición proporcionados pola concelleira de Deportes do Concello de Pontecesures, organizador do evento. Laura Villar informou onte tamén de que se manteñen os horarios de saída das diferentes categorías incluídos no regulamento da proba. Cos júniores, séniores e másteres botando a correr ás once da mañá, con saída e con chegada na Praza do Coche de Pedra. Cadetes e infantís faráno a partir das 11.45, no seu caso percorrendo 1,8 quilómetros, seguidos dos alevíns ás 12 horas cos mesmos 1.000 metros de proba cós benxamíns, que partirán ás 12.15. Os pitufos —nados nos anos 2015 e 2016— e os biberóns —2017 e posteriores— sairán ás 12.30 e ás 12.40 con 500 e con 200 metros por diante, respectivamente.

Seguridade e cortes de tráfico

A fin de axilizar o trámite e de evitar aglomeracións o mesmo día da proba, o Concello de Pontecesures abre hoxe as portas do consistorio de seis a oito da tarde para aqueles participantes que queiran adiantar a recollida dos seus dorsais.

O organizador da carreira, que contará coa firma especializada Emesports para a loxística deportiva, despregará un equipo dunhas 35 persoas para controlar o correcto transcurso da cita. Incluído o protocolo sanitario destinado a evitar contaxios por covid-19, que no caso dos atletas maiores de 11 anos pasa por manter a máscara nos 500 primeiros metros da carreira —os menores de 12 anos deberán usala ata que o xuíz de saídas ou a organización lles comuniquen o contrario—.

A celebración da Carreira Popular de Pontecesures, que este ano reúne diñeiro para os afectados polo volcán da Palma, obrigará a cortar o tráfico rodado nas rúas Porta Raxoi, San Lois, Sagasta, Eugenio Escuredo e outros viais da zona portuaria de 10 a 12.15 horas.