O Concello anuncia a Carreira Popular de Pontecesures o día 16 pese á escalada de contaxios

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTECESURES

oscarVíFER

Onte eran xa un cento os inscritos na proba, que volve permitir optar entre correr 4 ou 8 quilómetros de xuvenís en diante

04 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O goberno local encabezado por Juan Manuel Vidal Seage decidiu celebrar o día 16 do presente mes, domingo, a edición número 21 da Carreira Popular de Pontecesures. Unha proba que o executivo cesureño tivo que cancelar un ano atrás a causa dunha nova vaga de contaxios desatada tras as celebracións do Nadal. A repetición 365 días despois dun panorama de infeccións disparadas, con Galicia preto dos 50.000 casos activos e co municipio do Baixo Ulla cunha incidencia por cada 100.000 habitantes a 14 días superior a 500, non ten feito cambiar de opinión o executivo local logo de facer pública hai unha semana a disputa da cita e a apertura do seu prazo de inscrición.

A concelleira de Deportes de Pontecesures, Laura Villar, confirmaba onte que a proba «está anunciada, e polo momento vaise manter, a non ser que a cousa se poña moi seria». De feito, aos sete días de abrir o rexistro de participantes, a páxina web na que se tramitan as inscricións superaba xa lixeiramente o cento de atletas apuntados, nunha listaxe que inclúe as dez categorías de idade que contempla a cita deportiva.

Así, de non poñerse moi seria a situación sanitaria, a XXI Carreira Popular Run For Them de Pontecesures verá saír desde a Praza do Coche de Pedra ás once da mañá do domingo 16 de xaneiro os corredores das catro categorías absolutas, isto é, a júnior (Sub 18), a sénior e ás master A e B. Cos atletas podendo optar por unha das dúas opcións do circuíto urbano, a de 4 quilómetros ou a de 8. Posteriormente, os cadetes (Sub 16) e os infantís (Sub 14) cubrirán un trazado de 1,8 quilómetros con saída ás 11.45 horas, de 1.000 metros os alevíns (Sub 12) desde as 12, para continuar coa saída dos benxamíns (Sub 10) ás 12.15, tamén cun quilómetro por diante. Os pitufos (nados nos anos 2015 e 2016) correrán 500 metros ás 12.30 horas e os biberóns (nados no 2017 e anos posteriores) 200 ás 12.40. 

Haberá medalla para os tres primeiros clasificados de cada categoría de idade agás para os biberóns e pitufos, con presea para todos os participantes. Tamén trofeos para os tres máis rápidos dos circuítos 4K e 8K, independentemente da súa categoría, e á persoa de máis idade que consiga rematar a proba polos seus propios medios. E por equipos, repartiránse 300, 200 e 100 euros entre os tres mellores a partir da suma dos oito primeiros clasificados de cada club, que deberá competir en Pontecesures con ese número mínimo de deportistas para poder optar aos premios en metálico.

Requisitos para poder participar

As normas da Carreira Popular de Pontecesures subliñan que «a organización —a cargo do Concello— poderá suspender ou adiar a proba dependendo da situación sanitaria». De seguir a carreira adiante, como pretende o goberno local, faráse co correspondente protocolo covid-19 fixado para este tipo de eventos polas autoridades sanitarias e federativas. Para participar, os atletas de 12 anos e maiores deberán presentar na recollida do seu dorsal ben o certificado de vacinación covid-19, ben un test de antíxenos ou PCR negativo cunha antelación máxima de 72 horas á proba ou ben un certificado médico de ter superado a enfermidade entre 11 e 180 días antes da carreira.

O diñeiro das inscricións irá aos afectados polo volcán da Palma

Hai dous anos, na última edición disputada antes da aparición da pandemia, o goberno local quixo sumar á natureza deportiva da Carreira Popular de Pontecesures unha vertente solidaria. En xaneiro do 2020, a vixésima edición da proba destinou 1 euro de cada unha das inscricións —participaron 640 persoas— aos dous nenos que quedaran orfos tras o triplo crime machista de Valga uns meses atrás. Desta volta, explica o Concello, «tras o éxito da anterior edición, na que puidemos amosar o noso perfil máis solidario na loita contra a violencia de xénero, non queremos deixar de comprometernos coas persoas que peor o están a pasar e a Carreira Popular Run For Them servirá nesta ocasión para recadar fondos, en colaboración con Cruz Vermella, que serán destinados a axudar as persoas damnificadas polo volcán de La Palma».

O executivo cesureño vai máis aló do feito no 2020, e doará os 6 euros íntegros de cada inscrición das categorías absolutas —as de cadetes e inferiores son gratuítas, inda que é obrigado apuntarse en tempo e forma, a través da web emesports.es antes das 23.59 horas do día 13—. Ademais, no momento de formalizar a inscrición dáse a opción de facer unha doazón persoal para elevar a recadación.