O Náutico Pontecesures recupera o título de campión galego de novas promesas

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTECESURES

Impónse en tres das catro clasificacións por equipos. Oito padexeiros arousáns cólganse o ouro

28 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Campionato Galego de Novas Promesas de K1 e C1 reunía o pasado domingo a 350 padexeiros de toda a comunidade na que foi a primeira gran cita autonómica desde o decreto do estado de alarma. Unha competición marcada polas estritas medidas de seguridade hixiénico-sanitarias impostas pola Federación Galega de Piragüismo, sen espectadores no campo de regatas de Taboada, Lugo, e cos equipos respectando o espazo específico reservado a cada un deles.

Neste marco, o Náutico Pontecesures confirmou a súa condición de mellor canteira galega recuperando o título -o ano pasado fora subcampión-; que une á de xigante español nas dúas categorías que agrupa a nomenclatura de novas promesas, isto é, infantís e cadetes.

Así, o club do Baixo Ulla impúxose en tres das catro clasificacións en xogo, as de muller infantil, con 2.181 puntos, polos 1.852 do Ría de Betanzos, segundo, muller cadete, con 586 puntos, seguido do Náutico Firrete con 358; e home cadete, con 497 puntos, polos 416 do seu inmediato perseguidor, o Fluvial de Lugo.