García-Sabell no franquismo

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

PONTECESURES

Siro

07 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O18 de xullo de 1936, Domingo García-Sabell era médico en Compostela e participaba na actividade cultural e política da cidade. Como moitos, supuxo que o golpe militar sería controlado polo Goberno en poucas horas e cando empezou o terror, o medo sobrecolleuno. Todos os amigos eran republicanos de esquerda e nos próximos días uns foron fusilados e outros paseados.

En 1937 mobilizárono e destinárono ao campo de concentración de Labacolla. Cada tarde visitaba aos presos, que durmían no chan, mal alimentados e sen hixiene. O primeiro día, ao pasar ante eles, saudárono brazo en alto e dicindo «arriba España». El respondeulles cun «boas tardes» e, desde entón, ise foi o saúdo mutuo. O 1 de abril de 1939, ao saber que a guerra rematara, colgou a bata branca no perchero e non volveu. Ninguén reclamou a súa presenza.

Aquel ano casou con Elena Tormo e, cando a noite do 24 de xullo estaban a ver os fogos do Apóstolo, fórono buscar para que atendese a un enfermo moi grave. A casa era humildísima e a habitación un buraco cunha buxía que apenas alumaba. Achegouse ao leito do enfermo, retirou o cobertor e a saba, e viu que tiña o ventre negro. Era una capa de chinches que arredou coa man para facer a exploración.

A represión e as experiencias horríbeis que vía na profesión levárono á convicción de que o remedio estaba na Unión Soviética. El e o cirurxián Ramón Baltar fixéronse filocomunistas. Non entraron no PCE, pero favorecérono canto puideron. Mentres lle construían a vivenda na Rosaleda, Domingo camuflou entre os albaneis a un comunista destacado, moi perseguido, e no seu nome entrevistouse en Madrid con outro camarada, tamén oculto porque corría perigo. Días antes aparecera morto no Retiro o terceiro membro do grupo.

Accións semellantes repetiunas durante anos e ata lles conseguiu algunhas armas. O seu enlace era un matrimonio moi activo. Ela, unha muller de Pontecesuras, dun temple extraordinario, parente lonxana de Baltar, establecía o contacto. Un día advertiuno de que recibiría a visita duns camaradas cun encargo importante. O PCE enviara dous especialistas para atentar contra Franco, durante o verán, na estrada A Coruña?Compostela, e precisaban que lles dese cobertura. A Operación Termópilas púxose en marcha, pero os especialistas recibiron orde de suspender os preparativos e marcharon,

Anos despois, García-Sabell empezou a desconfiar de Rusia e do comunismo e, ao coñecer as purgas de Stalin, esfarelóuselle o tinglado ideolóxico. En 1993, cando me relatou estas vivencias, pensaba que o comunismo estaba obsoleto; fora importante no pasado, pero non no presente.

No relato non houbo chisco de vaidade e en ningún momento describiu o seu facer como algo heroico. Anos antes volvera á fe relixiosa que crera perdida pola connivencia da Igrexa co Réxime, e faloume conmovido; como se necesitase liberar a conciencia dun segredo que nin as fillas coñecían; que quizais non coñeceu ninguén.

Por que mo contou a min? Pola mesma razón que o PCE confiara nel: porque sabía que non lle fallaría. Pediume que non o fixese público mentres vivise e cumprín sobradamente. As veces que calei cando oín chamarlle «carca»!