O N. Pontecesures, prata no Nacional de Jóvenes Promesas

PONTECESURES

O equipo rematou a só 26 puntos do Aranjuez. As mecas Valeria Oliveira e Carmen Devesa, campioas de España

02 abr 2019 . Actualizado a las 12:14 h.

O Náutico Pontecesures quedou ás portas do título no Campionato de España de Jóvenes Promesas de Inverno. A gran cita de apertura dos padexeiros das categorías infantil e cadete, que durante a pasada fin de semana reuníu na localidade gaditana de Arcos de la Frontera a preto de 900 deportistas, 200 deles galegos. Tan só 26 puntos separaron o club cesureño, con 1.965 no seu casilleiro, do campión, o C.P. Aranjuez, sacándolle á súa vez unicamente 10 puntos a un Náutico Sevilla que pechou o podio por equipos.

A nivel individual, Galicia rematou a cita con pésimas novas na categoría infantil, sen medalla ningunha o sábado. Na cadete, pola contra, foron oito os metais reunidos pola expedición galaica. Tres deles, con dni arousán. Sobresaíndo os dous títulos nacionais conquistados polas promesas do Breogán do Grove Valeira Oliveira e Carmen Devesa. A primeira gañou a final do C-1 Cadete B, sobre 5.000 metros, e fíxoo con 25 segundos de vantaxe respecto á subcampioa, María Moreno, do Náutico Pollença. Devesa, pola súa conta, impúxose na final do K-1 Cadete B con 20 segundos sobre a súa inmediata perseguidora. Ademais, a canoísta das Torres-Romaría Vikinga Rosalía García pechou no terceiro posto o podio integramente galego do C-1 Cadete A, con Antía Otero e con Ángela Jorge, da E.P.C. Pontevedra, primeira e segunda.

O club do Baixo Ulla, molesto por non ter máis noticias da Xunta

Hai un mes o alcalde do Concello de Pontecesures, Juan Manuel Vidal Seage, visitaba xunto con José Ramón Lete, secretario xeral da Xunta de Galicia, administracións ambas xestionadas polo Partido Popular, as instalacións do Náutico Pontecesures. Unha visita na que o presidente do club, Ángel Barreiro, oficiou de Cicerone amosándolles as precarias condicións materiais coas que unha das mellores canteiras de piragüismo de España leva anos tendo que traballar cada día. O responsable da política deportiva autonómica comprometíase entón a estudar a viabilidade de gañar espazos para a almacenaxe das embarcacións, para o ximnasio e para as duchas. O mandatario do N. Pontecesures aproveitou o último éxito da súa canteira para facer oír onte o malestar do club cara ao goberno local e á Secretaría Xeral para o Deporte pola súa desaparición tras a visita reflectida nos medios de comunicación.

«Tras a visita do secretario xeral para o Deporte, o señor Lete, seguimos á espera de datos concretos sobre a ampliación da instalación, tan necesaria, xa que a día de hoxe -por onte- agás a promesa verbal no seu día, non temos ningunha información concreta», sinala Ángel Barreiro, quen engade que «desexamos que non se trate dunha promesa electoral, e se asine o proxecto de ampliación e de excecución das obras coa maior celeridade».