Romero, Pérez e Fontán revalidan título no Galego de Inverno

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTECESURES

FGP

Aos ouros dos canoístas súmase o da kaiakista das Torres-Romaría Vikinga Carla Frieiro. O breoganista gaña no C-1 Sénior por cuarto ano consecutivo

25 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano despois o piragüismo arousán repite os catro títulos cos que no 2017 arrincaba a tempada no Campinato Galego de Inverno de Embarcacións Individuais, sobre a distancia de 5.000 metros. Tres deles, cos mesmos nomes e apelidos grabados no metal. Con Diego Romero Fraga (Breogán do Grove) facéndose na mañá de onte no encoro ourensán de Castrelo de Miño co seu cuarto título consecutivo no C-1 Sénior; e cos xa laureados canoístas internacionais do Náutico O Muíño de Ribadumia María Pérez Aragunde e Manuel Fontán Señoráns enlazando os seus segundos ouros no Galego de Inverno. Ela de novo nunha categoría xuvenil na que Manuel Fontán se estrea neste 2018 relevando no máis alto do podio autonómico o breoganista Martín Noel, gañador un ano atrás. O título de Carla Frieiro Carril (As Torres-Romaría Vikinga) no K-1 Xuvenil Feminino redondeou a actuación arousá, con Tania Álvarez Yates (Breogán) e Raquel Dacosta (As Torres) prata e bronce no K-1 Sénior.

María Pérez foi a primeira en subirse ao podio. Impoñéndose no C-1 Xuvenil Feminino cun crono de 28.03,72 e 18 segundos de diferenza a María de la Peña, do E.P. Ciudad de Pontevedra. Moito máis axustado resultou o triunfo do seu compañeiro de club, Manuel Fontán, primeiro na meta do C-1 Xuvenil en 24.45,91, con Mario Rey, do Náutico Firrete, a 2,79 segundos nunha proba na que Pedro Citoula, do Náutico Pontecesures, foi quinto a 45 segundos.

Na proba raíña da canoa masculina, o C-1 Sénior, sen os seus hoxe por hoxe dous grandes rivais na especialidade, Adrián Sieiro e Sergio Vallejo, do E.P. Poio, Diego Romero volveu atopar un ano despois en Manuel Garrido, do Kayak Tudense, o seu segundo no podio. Só que desta volta sacándolle case un minuto fronte aos 4 segundos do 2017, empregando 23.08,85 en cubrir os 5.000.

No segundo treito do programa matutino de competición, Carla Frieiro gañou o K-1 Xuvenil Feminino en 23.58, sete segundos menos que Raquel Torres, do Verducido-Pontillón, prata. Lúa Cubiella (Náutico O Muíño), Aldara Merino (As Torres-Romaría Vikinga), Xoana García (As Torres) e Araceli Baleirón (Pontecesures) remataron tamén entre as dez mellores, quinta, sétima, novena e décima,, respectivamente.

Coma no C-1 Sénior Masculino, a historia repetíuse dun ano para o outro no K-1 Sénior Feminino. A breoganista Tania Álvarez (24.47,16) foi subcampioa a 2 segundos de Tania Fernández, do Tudense (24.45,16); Raquel Dacosta colgouse o bronce en 24.49,86. As tamén padexeiras das Torres Rebeca Laurijssen, Fátima Ordóñez e Antía Santiago acabaron sexta, sétima e décima na categoría.

Nas clasificacións por equipos, o Breogán arrinca segundo a Liga Galega Sénior Masculina, cas Torres terceiro nesta, e nas Sénior e Xuvenil Feminina.