O público insultou ao presidente do Goberno que veu ao Grove a promocionar a Festga do Marisco
04 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Cando eu estudaba inglés matinaba que os británicos non tiñan o vostede, só o you, e que iso seguramente sería un símbolo de modernidade, descoñecendo que non é o mesmo dirixirse a alguén polo nome que polo apelido precedido dalgún tratamento, como fan eles. Un ía acostumado a tratar aos maiores, aos descoñecidos ou aos que ostentaban calquera posición, digamos superior, de vostede e en terceira persoa. Por suposto: dirixirme ao mestre, ao cura ou ao médico ía precedido dun solemne don. Pero deseguido apareceu o atuamento xeneralizado. Parecía que a palabra vostede desaparecera da lingua común e, non sendo en circunstancias formais, todo o mundo era ti. Como se fose máis moderniño falar así ou significase maior intimidade, solidariedade ou amizade. Non sei se foi boa ou mala cousa esa supresión do vostede, e tamén do voçe en portugués. Eu sigo utilizando o vostede, ata para marcar distancias. Lin nalgún sitio que o persoal sanitario é favorable a empregar cos enfermos o ti igualitario en vez do vostede, que aparenta unha certa frialdade.
Nas nefastas e empobrecedoras redes sociais non existe o vostede. En xeral, nesas contornas dixitais a educación está ausente, insúltase a calquera sen ningún freo e propíciase que os usuarios se expresen nunha linguaxe incívica, case sempre con faltas de ortografía; non procedería andar con minucias, como «A min non me trates de ti». Insultar non esixe esforzo intelectual ningún e as ofensas enténdeas calquera. E quéirase ou non, diso tamén, si, tamén, teñen moita culpa os políticos actuais. O xoves pasado O Grove tivo a honra de que o señor presidente do Goberno visitase a Festa do Marisco, da que os veciños estamos orgullosos. Alí ocorreu algo que avergoña a calquera ben nacido, sexa da ideoloxía que sexa. Desde a masa de público presente, case ningún grovense por certo, e con acento alleo, lanzáronse insultos de calibre groso. A Aznar non se lle facía iso. Pedro Sánchez, que non é xordo, honrou aos anfitrións, doulle publicidade á nosa celebración e aguantou os improperios. Non se entende como os axentes da autoridade non levaron presos aos que lanzaron impunemente tales inxurias, proferidas por covardes amparados na multitude, que quedaban como orgullosos do que blasfemaban. Máis que do marisco igual foi cousa do viño. Tristísimo. As persoas que exercen cargos públicos non teñen por que soportar improperios, nin de xente vulgar e maleducada, nin de ninguén. Pero o certo é que a propia clase política fomenta o menosprezo como arma para infravalorar aos doutra ideoloxía. Os políticos insúltanse entre si acotío. Non amosan debate de ideas nin de propostas, senón que compiten en desprezar, desairar, degradar, humillar e vilipendiar ao opoñente, porque iso enténdeo calquera votante. Fronte ao insulto non cabe contraproposta. Isto dá medo á hora de votar aos insultadores porque, como dicía Wittgenstein, «os límites da miña linguaxe son os límites do meu mundo» e podemos matinar en que mundo poden ofrecernos ese tipo de dirixentes. A prestixiosa xurista Miriam González Durántez tén unha web na que inclúe un chamado «faltómetro» mensual. O podio do último foi para os deputados Alberto Núñez Feijoo, Jaime de Olano e Ana Belén Vázquez. Pedro Sánchez é o político que recibe máis aldraxes —mentireiro, okupa, sociópata, tirano, traidor, me gusta la fruta— mentres el amosa resistencia. Quizá por iso escribiu un libro titulado Manual de Resistencia, aínda que tamén lle chamou indecente a M. Rajoy, a quen un deslinguado locutor alcumou, como se nada, de maricomplejines. Pablo Casado, por non mencionar a Tellado, chamoulle indigno e inepto a Pedro Sánchez. Gabriel Rufián e Pablo Iglesias —a quen deostaron de rata chepuda— denominaron ladróns a dirixentes do PP. Irene Montero foi alcuñada de inútil, chorona, soberbia e outros máis irreproducibles. Todo amplificado polos medios de comunicación e de xeito particular pola televisión, que entra en cada casa e fai parecer normal esa falta de civismo. Iso provoca que a xente do común non teña reparo en reproducir os insultos. É como se os políticos seguiran aquel dito non lembro se de Bacon ou de Goebbles: calumnia con audacia que algo sempre queda. É posible que este clima de inxurias permanentes teña que ver coa eliminación do vostede, de cortesía e respecto, da lingua corrente.