As mensaxes riquiñas da neta de Lola

Rosa Estévez
r. estévez O GROVE / LA VOZ

O GROVE

MONICA IRAGO

Awa é unha marca pequena, o soño dunha muller que non ten medo a dar batalla cando fai falla e que decidiu xogar coas palabras e coas imaxes para crear un pequeno universo no que Galicia e O Grove ocupan o centro; as súas bolsas «my favourite place» están a causar furor este verán

06 ago 2026 . Actualizado a las 21:38 h.

Hai persoas ás que lles gustan as historias e hai, tamén, persoas que lle gustan ás historias. Cando se cruzan con xente así, métenselle dentro polo simple pracer de volver a saír ao mundo a través das súas mans: mans que tocan música, mans que escriben palabras, mans que constrúen imaxes... Ou mans, como as de Leticia Castro, que fan un pouco de todo. Licenciada en Comunicación Audiovisual, decidiu hai anos cursar un máster de dirección de arte publicitaria. Para o seu traballo final tiña que presentar un plan de negocio. Traballou tanto, e tan ben, aquel proxecto, que Awa acabou converténdose nunha realidade, nunha peza fundamental da vida desta rapaza do Grove, a neta de Lola.

«Lola era a avoa da casa», conta Leticia. E é tamén, en certo modo, responsable desa forma que ten a súa neta de estar no mundo. «Cando decidín poñer isto en marcha, hai xa dez anos, estaban moi de moda as camisolas con mensaxes que non tiñan sentido e nas que se mesturaban palabras en inglés. Entón pensei, por que non facer algo que si teña significado? Por que non xogar e xerar unha curiosidade polo noso entre a xente que vén de fóra?». Así naceu ese bilingüismo seu que si é harmónico. O do «feeling morriña», ou o do «like a toxo» polo que lle seguen preguntando todos os veráns.

Ademais dos seus lemas, Leticia completa os seus deseños con debuxos riquiños. «Rómpome moito a cabeza coas cores», explica unha deseñadora que recoñece que lle gusta a sinxeleza, os trazos limpos, as complicacións xustas. Porque está moi ben querer crear e compartir co mundo as historias que nacen entre os dedos, pero «hai que pagar facturas, hai que conseguir que a actividade sexa rendible», e ese é un proceso duro e, ás veces, moi solitario. Ela mide con coidado cada paso que dá, pero sen renunciar a experimentar máis alá dos produtos que nunca fallan: as camisolas, os suadoiros, as tazas, a roupiña de bebé... E este verán, as bolsas.

«Este ano púxose de moda facer cousas cos nomes dos sitios. E pensei en facer algo do Grove», comenta a artista infatigable. «O Grove, my favorite place» foi o lema escollidotamén hai a variante de San Vicente—. E foi un auténtico acerto. «Sóubeno en canto coloquei a primeira bolsa no escaparate —Awa ten tenda na rúa Castelao do Grove, malia que boa parte das súas vendas son en mercados e a través das redes—». E quedoulle totalmente claro cando unha rapaza entrou na tenda como un vendaval para conseguir unha bolsa como a que acababa de verlle a outra moza na panadería. «Dixéranlle que as vendían aquí».

«Creo que ten un punto emocional», conta a nai deste produto viral. E explícase: boa parte da xente que foi mercar a bolsa é do Grove. Hai tamén, claro está, moito turista que atopa un bonito agasallo, unha forma de levar o verán colgado do brazo durante todo o ano.

Iso non só pasa coas bolsas que están a triunfar este ano: as camisolas, as gorras, os gorros... Calquera obxecto que leve gravado un lema e un deseño de Leticia Castro vai abrir unha porta cara Galicia. Cara as Rías Baixas. Cara O Grove, ese lugar no que os mariñeiros van ás «nocras» e non ás nécoras, e onde as avoas advirten ás súas netas para que non sexan «too much pantalleiras» —demasiado presumidas—. Ese lugar no que a veciñanza ao completo di con orgullo «we are xente do mar»; e onde a vida se pode vivir con certa calma: «Acouga, please».

As mensaxes que saen polos dedos de Leticia son como Leticia. Irónicas, divertidas e cun punto reivindicativo. O seu «be rabuda» é un berro feminista e rebelde. E este ano, o seu «more carballo, less eucalipto», deixa ben claro o seu compromiso coa natureza e co medio ambiente. Esa reivindicación convive cos xogos de palabras como o de «polbo friends», o guiño sexi de «lambona style» ou a delicadeza da «flying bolboreta». Sen esquecer, claro, as recomendacións gastronómicas. Algunha tan do Grove como a «centola forever», outras do imaxinario da Galicia universal, como o «grelo power». E tamén as que saben a casa, a memoria, aunha infancia feliz nas praias mecas, sempre coa avoa Lola: «Summer of caramuxos».

Falemos de nós

A de Leticia Castro Gondar é unha marca que ten moito éxito entre a xente de aquí, pero tamén entre a xente de fóra —hai cousas súas ata en Finlandia— que sinte que leva, con cada peza, un anaquiño desta terra. E o que é máis importante, un pouco dese vizoso talento que agroma por Galicia enteira, pero que no Grove ten un viveiro que parece non esgotarse nunca. Castro foi unha das promotoras do nacemento, hai anos, da asociación Grovemakers, un colectivo de artistas e creadores que traballan en campos moi diversos. «É importante dar a coñecer todo o que se fai aquí», insiste esta muller que ten feito da comunicación, nas súas múltiples variantes, a súa vida.