Devesa Muñiz ten unha brillante traxectoria como médico e destacou, tamén, pola súa aposta polo uso do galego no ámbito sanitario
19 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A verdade é que non sei moi ben se iso de vir ao mundo nun lugar ou noutro imprime carácter, como se fose un sacramento. Sendo así, O Grove debería estar orgulloso por Manuel Devesa Muñiz, que naceu na vila grovense, cando era un lugar illado, cuns medios educativos escasos que propiciaban que só chegasen á Universidade mozos decididos —os daquela cóntanse cos dedos da man—. Nesa península, por moito luxo espurio que brillase nos salóns do Gran Hotel da Toxa, non había centros de ensino regulamentados, senón unha especie de academias mais ou menos con preparadores, mestres só algúns. Cada mes de xuño, os alumnos que tiveran a constancia de chegar ao Bacharelato tiñan que desprazarse a Pontevedra para examinárense das materias de cada curso. Recorda Manuel que todo aquel proceso —tiñan que botar dous días nesa capital— era un tanto caótico, que os examinadores semellaban un tribunal sumarísimo e que descubriu no primeiro curso de Bacharelato que dunha materia chamada Educación Física e Deporte había que examinarse nun ximnasio que nunca vira cunha roupa que non tiña, e que a súa nai tivo que procurar á présa por Pontevedra. Lembra, moi graficamente, que os do Grove parecían do exército de Pancho Villa.
Mentres cursou o Bacharelato xogou ao fútbol no Deportivo Grove. Entre 1972 e 1978 cursou Medicina e, xa, iniciou a súa extraordinaria carreira como galeno. En 1980 tomou posesión como titular en Allariz onde permaneceu trinta e tres anos, coincidindo coa recuperación, despegue urbanístico e social desa vila. Foi, tamén, secretario e vicepresidente do Colexio de Médicos. E durante toda esa traxectoria profesional destacou, destaca aínda entre outros moitos valores, pola defensa do galego na praxe médica e, particularmente, converténdose, sempre na compañía de Manuel Solla —chamábanlles Os Manolos— no introdutor, e gran especialista, da ecografía. Empezou a formarse nesa técnica polo 2001 e pronto creou a Escola Galega de Ecografía, co seu núcleo en Allariz, que, nas propias palabras del, «foi un referente pioneiro no uso e docencia da ecografía en Atención Primaria en España». A súa consulta converteuse durante anos nun centro de referencia para a formación de médicos internos residentes de Medicina Familiar e Comunitaria procedentes de todo o Estado, que acudían alí para realizaren as súas rotacións. Este labor continuouno ata a súa xubilación, publicando, ademais, diversos manuais científicos sobre esa especialidade. Esa Escola estendeuse a Bolivia, Perú, Nicaragua, República Dominicana e ao Sáhara, onde agora está centrada nos campamentos de refuxiados de Tinduf, e inclúe a dotación de material sanitario.
Neste pasado mes de maio os doutores Devesa e Solla recibiron en Allariz un recoñecemento polo seu legado científico, asistencial e humano, ao que se sumou a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia. Certo é que como médicos destacaron polo impulso da ecografía clínica en Atención Primaria, pero a Xunta de Galicia, a Irmandade Sanitaria, a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística e o Concello de Allariz homenaxeounos, ademais, pola defensa do uso do galego no ámbito sanitario e, como non, pola súa calidade humana. Nas diversas notas de prensa publicadas tanto en revistas do sector da Medicina como nos xornais identificábase a Manuel Devesa como médico de Allariz, que, aparte dos seus méritos científicos, levaba máis dunha ducia de anos participando activamente en labores solidarios entre Nicaragua —ata que Ortega o botou— e os campamentos de Tinduf nos que, aparte de atender unha poboación de duascentas mil persoas, forma sanitarios novos. A traxectoria humana, iniciada no Grove, e profesional do Dr. Devesa Muñiz é realmente extraordinaria, exemplar. Admirable. Un orgullo que persoas así teñan orixe nesta nosa vila.